Case 3.000 persoas visitaron a mostra de arte galego moderno de Novacaixagalicia
Por Redacción
Case tres mil persoas visitaron a mostra De la fantasía a la realidad. Pintura en Galicia de 1833 a 1936, un proxecto expositivo integrado por fondos da Colección de Arte da Fundación Novacaixagalicia e da Colección de Novagalicia Banco, aberto ao público ao longo de dous meses e medio. Esta exposición puxo de manifesto a internacionalidade e modernidade da pintura galega no período de cen anos abarcado desde 1833 ata 1936.
A través dun exhaustivo análise dos nomes propios máis destacados da plástica galega, dos que ambas coleccións atesouran algunhas das súas principais creacións, o comisario da mostra, José Manuel García Iglesias, estableceu paralelismos entre eles e outros artistas de ámbito internacional.
A importancia desta mostra residía en ofrecer un estudo detallado dun período creativo que, en moitas ocasións, tan só empregouse como preludio da etapa renovadora posterior da plástica galega. A atención centrouse nos avances, as tendencias, os procedementos e os modelos duns pintores e pintoras que souberon guiar a creatividade galega cara a novos camiños que facilitaban a conexión cos renovadores cánones artísticos que xa comezaban a xurdir en Europa na segunda metade do século XIX.
Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Dionisio Fierros ou os membros da denominada xeración doente estaban incluídos nesta selección representativa dun período precursor da renovación pictórica en Galicia.
Ademais, ao longo dos meses en que a exposición permaneceu aberta, 1.624 persoas participaron do programa didáctico pensado en función dos ciclos escolares, no caso dos colexios, e para público adulto, e que incluía a posibilidade de asistir tanto ás visitas guiadas como ás diferentes propostas educativas elaboradas.
Así, para os nenos de infantil e primeiro ciclo de primaria deseñouse a proposta Pinceladas máxicas, na que puideron ver de cerca os materiais cos que traballan os artistas para logo poñer en práctica o aprendido. Os alumnos de segundo ciclo de primaria e primeiro ciclo da ESO traballaron no taller Academicistas ou vangardistas, no que viron como interpretan os artistas a realidade segundo o momento da historia da arte no que se atopen.
Para os maiores de segundo ciclo da ESO, bacherelato, ciclos formativos e colectivos de adultos, preparouse a didáctica De la fantasía a la realidad. Pintura desde 1833 hasta 1936, que repasaba a historia e a arte que deron luz ao século XX.