Desde metade da década dos 40 ata a primeira metade dos 80, Elena era o nome feminino dun programa de radio vencellado a un apelido, Francis. E é aquel espazo radiofónico do consultorio de Elena Francis o que atravesa as páxinas de'Uha pregunta para Elena', a última novela de Marga Durá.
Falamos coa xornalista e escritora catalá deste título que temporal e espacialmente desenvólvese na primavera de 1952. Na Barcelona que prepara e celebra o XXXV Congreso Eucarístico. Na cidade condal coinciden mulleres de diferente orixe, situación e condición, pero cun nexo común: a súa devoción a aquel programa de radio que co paso dos anos destapou a súa tremoia descubrindo que Elena Francis era un personaxe ficticio.
Na charla que temos con Marga Durá no 'Cara a cara' cóntanos que era aquel espazo nun medio de comunicación tan moderno naqueles tempos da posguerra española. Fálanos de mulleres que defendían un modelo de 'boa muller', daquelas que o acataban e tamén as que se rebelaban. Non só delas, tamén deles; e de malos tratos, de aborto, de prostitución, de relacións homosexuais, relacións non convencionais... porque todo isto tamén está na novela.
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e descárgase desde a web de PontevedraViva Radio.