Soutomaior indagará na súa historia para recuperar rituais e figuras tradicionais do Entroido
Por Redacción
Converter a Soutomaior nun referente galego durante as festas do Entroido. Con ese obxectivo en mente traballará o historiador Rafael Quintía, que investigará durante os vindeiros meses acerca dos rituais e das figuras tradicionais do Entroido no municipio.
Este estudo busca, segundo explicou o alcalde, Manu Lourenzo, a recuperación e o impulso do Entroido tradicional de Soutomaior, poñendo en valor unha parte importante da historia da vila.
A primeira fase do estudo de investigación consistirá nun traballo de campo que o propio Quintía desenvolverá nos barrios de Soutomaior.
A través dunha serie de informantes seleccionados, maiores de 80 anos todos e todas elas, recollerá material oral, gráfico ou documental para establecer onde e como se levaban a cabo os distintos rituais do Entroido tradicional en Soutomaior.
As primeiras conclusións do estudo, xunto co proxecto de recuperación do Entroido tradicional do concello, presentaranse a finais de 2023.
Tras isto comezará unha fase divulgativa por todo Soutomaior coa intención de que a veciñanza coñeza máis sobre a súa propia historia e estas tradicións.
"Soutomaior é un concello moi rico en tradicións e historia, e este goberno ten como un dos seus obxectivos a recuperación e impulso de todo ese patrimonio etnográfico e cultural", destacou o alcalde, que considera que o municipio "ten todo" para ser un referente nesta festa tradicional.