O Ateneo Santa Cecilia organiza unha charla sobre 'Manuel Torres e a Arte nos tempos do Seminario de Estudos Galegos'
Por Redacción
Este martes 24 de outubro, ás 20.00 horas, no Museo Manuel Torres de Marín vai desenvolverse unha conferencia a cargo de Mercedes Rozas, crítica de arte e integrante do Padroado do Museo do Pobo Galego.
O relatorio leva por título 'Manuel Torres e a Arte nos tempos do Seminario de Estudos Galegos' e centrarase na institución cultural de Galicia creada por intelectuais galeguistas en outubro de 1923, en Ames.
Desde o Seminario de Estudos Galegos estudábase e divulgaban o patrimonio cultural de Galicia formando a investigadores. Segundo expoñerá a relatora, naquel momento a Universidade de Santiago ofertaba programas académicos alleos á realidade, á historia e á cultura galega. En 1936, a Guerra Civil paralizou a actividade do Seminario.
Esta actividade forma parte dos actos que desenvolve o Museo do Pobo Galego, en colaboración co Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia para conmemorar o Centenario do Seminario de Estudos Galegos.
O acceso á charla, organizada polo Ateneo Santa Cecilia co apoio do Concello de Marín, é gratuíto.