Cinco ilusionistas de todo o mundo asombran ao público na gala Galicia Ilusiona
Por Redacción & Cristina Saiz
Cinco dos mellores ilusionistas do momento reuníronse este sábado en Pontevedra para participar nunha nova edición da Gran Gala Internacional Galicia Ilusiona.
Centos de persoas gozaron cos espectáculos únicos que estes cinco ilusionistas despregaron sobre o escenario do auditorio de Afundación.
O público pontevedrés deixouse sorprender cos españois Miguel Muñoz, campión mundial de maxia; e Amadeo Edama, especialista en maxia de gran formato.
De Arxentina chegou a Pontevedra o malabarista Paul Ponce, demostrando unha destreza e unha velocidade coas súas mans que foron pura maxia; e de Venezuela, a maga Dania Díaz, coñecida pola súa habilidade en mesturar ilusións coa narración de historias.
O broche de ouro púxoo o francés Gerald Le Guilloux, un mago clásico, cunha elegancia e unha posta en escena máis que coidada, que mesturou a maxia máis tradicional con efectos innovadores e modernos que asombraron ao público.