LGx15 exporá no Principal o futuro da lingua galega con humor e música
Por Anxo Lourido
'LGx15. Ideas para o futuro da lingua' chega á súa novena edición cun evento que vai desenvolverse o sábado 28 de outubro, a partir das 19.00 horas, no Teatro Principal de Pontevedra.
Este acto, que organiza a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) en colaboración co Concello de Pontevedra, ofrece exposicións breves de persoas de diversos ámbitos para transmitir dunha maneira divertida ideas, consellos e propostas para fomentar o futuro do idioma galego.
A gala contará con música e humor, coa participación como condutora da actriz e comunicadora Neves Rodríguez, xunto a Paco Veiga, mestre, pedagogo e experto no estudo do xogo popular e tradicional, que abordará a situación lingüística presente; e o emprendedor Carlos Airas, encargado de narrar experiencias e recomendacións para realizar accións coa lingua do país.
Pola súa banda, a tradutora audiovisual e subtituladora Magdalena Sánchez analizará a dobraxe como elemento normalizador; o ilustrador e editor Kiko da Silva exporá a importancia da banda deseñada no desenvolvemento da lingua e nos avances de cara a que se poida crear unha industria da banda deseñada en Galicia; e o youtubeiro presidente da asociación cultural Obradoiro Dixital Galego, Fran da Lobeira, que tratará a presenza da lingua galega na canle Youtube.
Xiao Berlai será o encargado da música empregando a guitarra e a mandolina nas pezas que interpretará para animar a gala.
Este mércores presentábase no Concello de Pontevedra o acto coa presenza de Anxos Sobriño, presidenta da CTNL; Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura; Neves Rodríguez e Kiko da Silva, que animaron a cidadanía a participar nesta cita con formato de espectáculo para "reflexionar e escoitar ideas".
As entradas para o LGx15 están a venda a un prezo de 6 euros en venda anticipada na páxina web de LGx15, en Eventbrite e na Libraría Paz.
O prezo na billeteira será de dez euros en caso de que haxa entradas dispoñibles o día do evento.