Manuel Pérez Lourido presentará este venres o poemario 'Cántico Terrestre'
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Os días de confinamento provocados pola pandemia da Covid-19 convertéronse no espazo creativo en que o escritor Manuel Pérez Lourido comezou a xestar o poemario 'Cántico Terrestre'. Daqueles primeiros textos do "delicado momento" pouco queda no libro agora publicado, segundo indica o autor que recoñece que, en todo caso, "tampouco nós somos os mesmos".
Os poemas que se recollen neste novo traballo do autor pontevedrés evitan agruparse en temáticas como si sucedía en anteriores obras de Manuel Pérez Lourido. Iso si, todos recollen un estilo propio que vincula os 41 poemas de 'Cántico Terrestre'.
"A transformación da realidade en cemento para construír poemas mediante a introspección, así como a procura da transcendencia nos farrapos dos días constitúen a materia prima deste poemario!, indica o escritor que tenta rescatar na súa obra instantes da vida para dotalos de relevancia artística a través do verso.
Pérez Lourido, colaborador de PontevedraViva, é autor de traballos poéticos como 'Vértebras e lóstregos' (2012), 'Después daré un grito' (2017) e 'Pásame un cabalo polo peito' (2019). Tamén publicou un libro de narracións titulado 'Quedarse en Pontevedra' (2013)
'Cántico Terrestre' está publicado por Editorial Discursiva e será presentado este venres 6 de outubro, a partir das 19.30 horas, no espazo interdisciplinar creativo O Sanatorio, situado no número 8 da Rúa Andrés Muruais. A entrada ao acto é libre.
Relacionadas:
-
O escritor Manuel Pérez Lourido presenta o poemario 'Pásame un cabalo polo peito'
Por Redacción |
-
O escritor Manuel Pérez Lourido explica na Librería Paz o seu proceso creativo
Por Redacción |
-
Manuel Pérez Lourido presenta 'Después daré un grito' este luns 15 na Casa das Campás
Por Redacción |
-
RADIO.- "Manuel, parabéns polo Nobel... a Bob Dylan"
Por Marisa Ciordia |