Os escolares celebrarán o Día Europeo da Arte Rupestre cun mural colectivo no Museo
Por Redacción
O Museo de Pontevedra celebra a próxima semana o Día Europeo da Arte Rupestre cun obradoiro para centros escolares, ‘Explorando a primeira arte’, que busca introducir ao alumnado na arte rupestre a través das representacións do Paleolítico ao Neolítico e da Idade do Bronce da provincia de Pontevedra.
O obradoiro terá dúas sesións o martes 10 de outubro e os grupos participantes rematarán o obradoiro realizando un mural colectivo.
Para conmemorar ese día, o Museo tamén organizou o 10 de outubro unha conferencia aberta ao público ás 19.30 horas no Edificio Castelao a cargo do xefe da área de Arqueoloxía da Junta de Extremadura, Hipólito Collado.
Co título, ‘A orixe da arte parietal. É verdade todo o que nos contaron?’, a charla achegará ao público as evidencias máis recentes sobre as representacións rupestres máis antigas.
Nos últimos tempos colleu forza a discusión científica sobre a orixe das representacións rupestres realizadas nas paredes das covas, e cal foi a especie de homínido que protagonizou este salto evolutivo tan transcendental nas capacidades cognitivas do ser humano. Nesta conferencia, o público asistirá a un percorrido a nivel global que mostrará as últimas evidencias sobre as representacións máis antigas da arte rupestre.
Collado fará unha análise exhaustiva das primeiras representacións parietais na península ibérica e a problemática que implica a súa atribución cultural. Finalizará a súa intervención cunha reflexión crítica sobre os recentes achados realizados no continente africano, que poñen en dúbida todas as bases que sustentan as actuais formulacións científicas sobre a orixe da arte parietal.