Galifunk Brass, Lontreira e Ailá, no ciclo ‘Músicas para reCREAr’ no Teatro Principal este outono
Por Redacción
O vindeiro mércores 20 de setembro o grupo Galifunk Brass abrirá o novo ciclo musical do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, ‘Músicas para reCREAr’, que nos vindeiros meses traerá ao Teatro Principal a formacións como Lontreira e Ailá, ademais de poñer en marcha unha aula de música tradicional e un obradoiro de baile galego.
Este ciclo, promovido pola Vicerreitoría do campus coa colaboración do Concello de Pontevedra, regresa co inicio do novo curso académico co propósito central de propor un achegamento a múltiples estilos e tendencias musicais.
A programación incluirá tres concertos con entrada gratuíta. Galifunk Brass o 20 de setembro, Lontreira o 25 de outubro e a banda de música tradicional Ailá o 15 de novembro.
O director de área adxunto á Vicerreitoría, Luis Torres, informou este xoves, a través do DUVI da Universidade de Vigo, que os tres concertos están programados para as 21.00 horas, con entrada libre.
Torres lembra que "a cultura é un aspecto fundamental da creatividade" e este ciclo busca acoller todo tipo de música e reafirmar a aposta da Vicerreitoría pola música tradicional.
Como parte desta aposta, este mes de setembro abriuse novamente a inscrición na Aula Permanente de Música Tradicional Galega do campus, que xa cubriu todas as súas prazas.
Tamén en setembro abriu a inscrición da segunda edición do obradoiro de introdución ao baile tradicional galego 'Como bailar nun serán', que a vindeira semana abrirá a súa matrícula ao conxunto da cidadanía, tras un primeiro prazo dirixido á comunidade universitaria e participantes na primeira edición.