Docs del Mes regresa tras o parón estival cun documental sobre o cambio climático

Por Redacción
Tras o verán, a programación cultural da cidade retoma a normalidade. Tamén o fará o ciclo Doc del Mes, un programa de cinema documental que se desenvolve en Pontevedra desde 2018 da man da Vicerreitoría do campus de Pontevedra.
O ciclo retomarase o luns 25 de setembro con Remando a la deriva (2023), un filme da documentalista india Sarvnik Kaur, premiado no festival de Sundance.
A longametraxe afonda nos efectos do cambio climático na pesca a través da historia de dous pescadores de Bombay, un que segue apostando por un sistema ancestral de pesca que se rexe polo ciclo lunar e as mareas e outro que avogou pola incorporación de tecnoloxía no seu barco.
Un mes despois, o 23 de outubro, proxectarase Lyra VS IRA (2022), no que a cineasta Alison Millar indaga nos motivos da morte de Lyra McKee, unha xornalista de investigación e activista LGTBIQ+ que en 2019 foi asasinada na cidade irlandesa de Derry polo novo IRA.
Xa en novembro, o luns 20 poderá verse Adiós, queridos haters (2022), un documental que Hanka Nobis centra na historia de Antek, un mozo polaco que creceu nunha familia relixiosa e de extrema dereita e que comeza a dubidar da súa ideoloxía tras namorarse.
Por último, Docs del Mes pechará o 18 de decembro con Nosotras, mañana (2023), no que a documentalista Alisa Kovalenko presenta a historia de cinco adolescentes ucraínos da rexión do Donbás que intentan escapar dos bombardeos rusos á vez que imaxinan o seu futuro.
Todas as proxeccións, que teñen entrada libre, poderán verse ás 20:00 horas na Casa das Campás.