'O cine de Carlos Velo e o actor Xerardo Moscoso', nova cita co Ateneo de Pontevedra
Por Redacción
Durante os días 19 e o 20 de setembro, o Ateneo de Pontevedra desenvolverá o simposio 'O cinema de Carlos Velo e o actor Xerardo Moscoso', iniciativa promovida pola Fundación Carlos Velo e en colaboración coa Universidade de Vigo.
Tratarase a relación entre estas dúas personalidades da cultura galega contemporánea desde o momento en que coinciden en México. Alí pasou décadas o cineasta galego levaba décadas como exiliado político e á vez converteuse nunha figura da cinematografía mexicana.
Xerardo Moscoso destacou como "cantante protesta" e por ser durante a ditadura franquista un dos integrantes máis recoñecidos do colectivo musical Voces Ceibes nas décadas 60 e 70 do século pasado. Chegou a México, tras ser expulsado de España pola policía franquista.
O simposio iniciarase coa actuación do cantautor Armando González, compañeiro de concertos nos anos 70, que interpretará as cancións máis populares de Xerardo Moscoso.
Lola Varela ofrecerá unha comunicación sobre a etapa pontevedresa de Moscoso, ademais da súa implicación teatral e na actividade política na clandestinidade. Incidirá na persecución que sufriu dos altos cargos franquistas da cidade. Miguel Moura,, autor dunha biografía novelada do cantante, dará a coñecer os anos en que Moscoso exerceu como médico e a súa etapa de exilio en Suíza. Nesa xornada, Xosé Enrique Acuña relatará a relación aberta en México entre Carlos Velo e Moscoso.
Na segunda xornada presentarase o filme 'Enviado especial', dirixido por Carlos Velo en 1983 e que se mantivo no esquecemento durante décadas. Xerardo Moscoso figura como principal actor.
As sesións comezarán ás 20.00 horas na Casa das Campás, sede da Vicerrectoría do campus de Pontevedra. A entrada será libre.