Revenidas cumpre 20 anos redobrando a súa aposta polo talento galego, feminino e emerxente
Por Alejandro Espiño
O festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxóan (Vilagarcía de Arousa) entre os días 7 e 10 de setembro, celebrará os seus vinte anos de vida redobrando a súa aposta polo talento "galego, feminino e emerxente" e polo seu compromiso co territorio.
A organización estima que esta será a edición máis exitosa da súa historia, xa que os 6.500 abonos que se puideron á venda esgotáronse desde un mes antes do inicio do festival, logrando "crecer sosteniblemente sen perder a súa identidade nin o apego ás súas raíces".
Así o subliñou o seu director, Xoán Quintáns, que explicou que o Revenidas contará este 2023 cun orzamento superior aos 200.000 euros e xerou 300 postos de traballo, a maior parte persoas do municipio no que se celebra.
Para o responsable do festival, a edición deste ano "é moi Revenidas" xa que segue fiel á liña marcada desde os seus inicios cunha programación "para todos os públicos", unha ampla programación paralela e un cartel de artistas moi vinculados con Galicia.
O Revenidas comezará o xoves 7 de setembro coa presenza de Desakato, Panteón Rococó, Ana Tijoux e Sara Hebe, tres dos grandes nomes da nova escena latinoamericana; HYDN, Tremenda Jauría, The Skarnivals e Arrythmia.
O venres 8 xuntaranse o valencianos Zoo e Los Chikos del Maíz, Fillas de Cassandra, a gran revelación da música galega; o principal expoñente da música electrónica en eúscaro, Zetak; Tropa do Carallo, Sheila Patricia, La Regadera e Rebeliom do Inframundo.
Ska-P encabezará o sábado 9, xunto co concerto especial que dará Dakidarría polos seus vinte anos de carreira, Rodrigo Cuevas, Heredeiros da Crus, La Élite Lamatumbá, Nativa, Kiza, O Rabelo, Familia Caamagno, Mondra, The Rapants e Me Fritos and the Gimme Cheetos.
A xornada do domingo 10, na que se celebrará a tradicional sardiñada popular e a gala de circo solidaria, contará na parte musical coas actuacións de Uxía Lambona e a Banda Molona, La Yaya DJ e Xosé Lois Romero e Aliboria.
Haberá ademais roteiros por Vilaxoán guiadas polo músico Xurxo Souto e os aclamados concertos acústicos a bordo dun barco, con aforo para doce persoas, que darán Zeltia Irevire, Sheila Patricia, Antía Ameixeiras, MJ Pérez, Su Garrido e Tanxugueiras.
O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, subliñou que "poucos festivais, por non dicir ningún, ten tanto sentido, tanta identidade propia e tanto vínculo co seu territorio" como o Revenidas, que contribúe ademais a "alongar o verán" no municipio.
A este respecto, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou a importancia deste tipo de festivais "non só pola súa repercusión no sector cultural" senón polas sinerxias que comparten coa hostalería ou o turismo.
Relacionadas:
-
Revenidas anuncia as súas datas para 2024: do 12 ao 15 de setembro, en Vilaxoán
Por Alejandro Espiño |
-
A organización cuantifica en 1,8 millóns de euros o impacto económico do festival Revenidas
Por Oskar Viéitez |
-
Preto de 7.000 persoas escoitarán no Revenidas a Ska-P, Rodrigo Cuevas, Heredeiros da Crus e Dakidarría
Por Redacción |
-
Tanxugueiras, Antía Ameixeiras, Su Garrido, Zeltia Irevire, Sheila Patricia e MJ Pérez nos concertos abordo do Revenidas
Por Redacción |
-
A Gala Solidaria de Circo do Revenidas contará con Peter Punk, Uxía Molona e o Mago Paco
Por Redacción |
-
Panteón Rococó e La Élite completan o cartel do Revenidas 2023
Por Redacción |
-
Revenidas presenta o cartel por días e pon á venda as entradas para cada xornada do festival
Por Redacción |
-
Revenidas redondea o seu cartel con 13 novas confirmacións
Por Redacción |