A única peza teatral de Domingo Villar, en novembro en Vilagarcía con Carlos Blanco á fronte
Por Redacción
Síbaris, a única peza de teatro escrita por Domingo Villar e rematada polo autor vigués pouco tempo antes de falecer, chegará a Vilagarcía en outono. Será o sábado 18 de novembro, ás 21:00 horas, no auditorio municipal. É unha montaxe da compañía Con de Tres Pés.
O espectáculo está protagonizado polo actor Carlos Blanco, que está acompañado por Belén Constenla, Oswaldo Digón e Pablo Novoa. A dirección é de Lois Blanco.
A única creación de Villar como dramaturgo foi o resultado do longo proceso que precisou para dar forma a unha idea á que lle daba voltas dende moito tempo atrás e de varios anos de traballo para plasmala no papel.
Síbarís é o título desta peza aínda inédita -a mediados de setembro chega ás librarías e a súa estrea sobre os escenarios será a finais do mesmo mes- que, en ton de comedia e con pinceladas surrealistas, conta a historia dun escritor en plena crise creativa.
As entradas para a función da obra en Vilagarcñia xa se poden adquirir anticipadamente en Ataquilla.com. Teñen prezos que oscilan entre os dez e os quince euros.
SINOPSE DA OBRA
Vinte anos despois de que Síbaris o convertese na estrela máis rutilante do firmamento literario, Víctor Morel non atravesa un bo momento: incapaz de escribir nada á altura das expectativas, leva demasiado tempo bloqueado e cunha situación económica cada día máis delicada.
Laura, a súa muller, anímao a aceptar unha invitación da Universidade da Sorbona, disposta a pagar xenerosamente por unha lección maxistral do célebre autor. Pero a primeira aparición pública de Víctor Morel en anos remata nun ataque de pánico e unha espantada antes de tempo.
A vida dos Morel semella afundir no desconsolo, cando Laura atopa unha saída.