Os premios John Balan chegan a Marín
Por Redacción
Os próximos días 24, 25 e 26 de agosto terán lugar as xornadas do John Balan Fest – Filmes Atlánticos e Novos Medios, o primeiro festival dedicado ás artes cinematográficas de carácter internacional da localidade marinense.
A selección oficial do John Balan Fest (JBF) estivo moi rifada, coa participación de máis de 160 pezas de todo o mundo, das que 12 conforman a selección oficial de Filmes Atlánticos, 12 de Outras Miradas, 12 de Novos Medios (series web) e 12 de Cinema Xove (escolas de cinema).
Mayka Braña, Lara Dopazo Rubial, Carlos Prado Pampín e Marco Haidar da escola audiovisual arxentina A Lumière, conforman o xurado.
Son 48 obras en total das máis de 160 rexistradas no festival, que pasaron o filtro para chegar ata a fase de finalistas, que conforma a exhibición da primeira edición deste certame. As producións aspirantes compiten por conseguir algún dos oito "Sombreiros de prata" que representan a categorías con opción ao orixinal galardón: Mellor Longametraxe, Mellor Curtametraxe e Mellor serie Web, Mellor Realización (que recibe ademais o premio CREA con 200 euros), Mellor Actuación, Premio Talento Emerxente, Premio do Público e Premio Especial John Balan á traxectoria nas artes escénicas e cinematográficas. A partir deste luns, coñeceranse os nomeados aos premios John Balan.
O produtor do JBF, Dani Antelo, sinala que "inda que esta é a primeira edición, tratamos de programar unhas xornadas o máis variadas posibles. Do mesmo xeito, a competencia, que abarca diferentes formatos cinematográficos como: series web, cortometraxe y largometraxe. O obxectivo é chegar a tódolos públicos cunha ampla oferta de pezas audiovisuais, tanto do país como doutros rincóns do mundo".
Os lugares nos que se desenvolverán as actividades son o Museo Torres, a Casa da Cultura de Seixo e o Cinema Seixo. Este último acollerá as dúas propostas protagonistas do festival, coa película 'O Home e o Can', do cineasta da Coruña, Ángel de la Cruz, e 'Viaje', película peruana do director José Fernández do Río, premiada no festival de cinema Viña do Mar, un dos máis recoñecidos de Latinoamérica.
Ángel de la Cruz é coñecido por ser o director e guionista, xunto con Manolo Gómez, de grandes éxitos de animación galega como 'O bosque animado, sentirás a súa maxia' e 'O soño dunha noite de San Xoán', tamén traballou en series e programas da Televisión de Galicia e dirixiu varias curtametraxes. Ademais é Premio Goya á mellor película de animación (2006) e ao mellor guion adaptado (2012).
Tamén destaca a participación de curtametraxes como 'Alicia Fai Cousas', do marinense Anxo Santos, gañador na pasada edición do festival de Cans, e 'Señora, por favor', da directora, tamén marinense, María Aragón, cuxa obra foi premiada pola Asociación de Mujeres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) e no que participan os actores Federico Pérez e María Costas.
Outras curtametraxes de creadores destacados do audiovisual galego que forman parte do programa de proxeccións son: 'A Rabia' de Alberto Díaz, 'Lique' de Anita Pico, 'Nena' de Xosé Touriñán e 'Antes de que se poña o sol', de Nani Matos.
Entre os invitados internacionais especiais atópanse, Jöel Bassaget, produtor e guionista francés, creador da Webseries World Cup, que virá valorar a calidade do festival para a súa posible candidatura dentro do circuíto dedicado a este formato en todo o mundo. Tamén estará presente a realizadora arxentina Ludmila Wagnest, creadora de 'Black Sunday', unha miniserie de televisión por internet de suspenso psicolóxico e poderá verse na sala do Hotel Villa de Marín ás 20:00 horas.
En canto á representación galega, participan sérielas web máis destacadas do momento como 'Pringadas', 'A Arte de Ser Mal Pai' e 'Historias Vageniales', gañadora dos premios Mestre Mateo 2023.
O programa de actividades comeza o xoves, día 24, cunha xornada dedicada exclusivamente ao formato web e os contidos dixitais. Haberá un maratón de charlas no Museo Torres, onde se falará do panorama actual do mercado de series web e a creación de series web. Ademais, participará Iván Pérez, bombeiro forestal e impulsor do canle Savia Nova, que trata de concienciar sobre o coidado da nosa contorna natural.
O venres, día 25, a programación estará dedicada aos formatos de curtametraxe e longametraxe, con dous bloques principais: 'Outras Miradas', dedicado a creadores fóra de Galicia, no que se proxectarán dúas curtametraxes sorpresa e a película peruana 'Viaje', do director José Fernández do Río, premiado recentemente no festival Viña del Mar, un dos certames máis recoñecidos de Latinoamérica. As proxeccións serán no Cinema Seixo e comezarán ás 12:15 horas.
Tamén pola mañá, desde as 10:30 horas na Casa dá Cultura de Seixo, terá lugar unha charla en memoria a John Balan e unha charla sobre recursos locais para a produción cinematográfica, para aqueles interesados en coñecer as vías de financiamento actuais a nivel local.
Pola tarde, de novo no Cinema Seixo, poderase gozar do bloque 'Filmes Atlánticos', dedicado a creadores galegos, onde se proxectarán ata tres pases de curtos de diferente temáticas. Neste espazo, ademais, outorgarase o premio Cinema Xove, que recoñece o traballo de estudantes de universidades e escolas audiovisuais. Este bloque remata coa película de Ángel de la Cruz, 'O Home e o Can', que contará coa presenza de parte do elenco de actores, acompañando ao director. Isto ás 21:00 horas, con dúas proxeccións de curtametraxe como antesala da película: 'Nena' de Antonio Touriñán e 'Cando se poña o sol' de Nani Matos. Todos os pases terán un prezo popular de 5 euros.
O festival concluirá coa entrega de premios, na Casa da Cultura de Seixo, o sábado, día 26, ás 12:00, nun acto no que se recoñecerá a traxectoria do actor Manuel Manquiña, que será galardoado co Sombreiro Dourado, premio especial que honra a carreira nas artes escénicas e cinematográficas. Este acto é con invitación.
Como broche final, na Praza de Seixo ás 13.15 horas e en aberto para o público, terá lugar a actuación de Marta Doviro co seu monólogo para público adulto 'Memorias dunha rapasa da Costa'.