RADIO.- O jazz rock fusión de Mr River despedirá esta edición do Festival Internacional de Jazz e Blues
Por Marisa Ciordia
Pablo Patiño e Mr River poñen a recensión galega á presente edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Quedamos para este podcast co trío pontevedrés que integran Miguel del Río (guitarrista e compositor), Santi Marsan (baixo) e Marcos Corbacho (batería); son de Vilaboa e Pontevedra os dous últimos.
Fálannos das súas traxectorias musicais antes de converxer en Mr River. O impulsor foi Santi que tras formar parte de diversas bandas, contactou con Miguel e Marcos, "sempre estou a lear á a xente para tocar. Tiña na cabeza formar un trío cun estilo concreto e para iso tiña que haber unha persoa que fose a que compuxese", lembra Santi e esa persoa é Miguel. Arrincaron en 2018 e publicaron tres epés. O último deles é 'Night court' que soará nesta velada pontevedresa e tamén temas de 'On the dock' e do primeiro traballo, homónimo do grupo.
Fan jazz rock fusión "jazz porque ten que ver coa improvisación. Rock porque o noso son é potente e fusión porque fusionamos con diferentes estilos: o funk, o folk ou o flamenco, hai influencias de moitas músicas", explica Miguel no podcast 'Cara a cara'.
Non é a primeira vez que participan neste veterano Festival pontevedrés. En 2019 foron os encargados de abrir a edición na praza do Teucro e desta vez serán quen peche na praza da Ferrería o venres 11 ás 22.30 horas . Do mesmo xeito que naquela ocasión non actuarán en formato trío, senón como cuarteto, acompañados doutro músico oriúndo de Pontevedra, Adrián Solla.
O programa completo pódese escoitar na ligazón adxunta e tamén descargala desde a web de PontevedraViva Radio.