O programa "Violencia Zero" trae á Praza do Mosteiro de Poio a peza "As voces da Conciencia"
Por Redacción
O programa "Mulleres en Acción, Violencia Zero" da Deputación de Pontevedra trae a Poio a peza multidisciplinar "As Voces da Conciencia", con Margarida Mariño e Laura Iturralde.
A concelleira de Benestar e Igualdade do Concello de Poio, Natividad Torres presentou esta intervención artística, que terá lugar o mércores 16 de agosto, ás 21.15 horas na Praza do Mosteiro, con acceso de balde ata completar aforo.
Con esta obra, as artistas presentan ao público unha peza multidisciplinar na que as protagonistas son as voces de distintas mulleres que narran en primeira persoa como a violencia machista afectou ás súas vidas, en calquera das súas moitas formas, conseguindo crear un ambiente incómodo que convida á autorreflexión como sociedade.
Margarida Mariño e Laura Iturralde achegan tamén unha mensaxe esperanzadora, que loita por acadar unha conciencia colectiva que consiga rematar dunha vez por todas con esta lacra. "As voces da Conciencia" é unha obra coral entre mulleres, que se expresa a través da música, das escenas sonoras, da videocreación e da iluminación camiñando entre estilos dende o violoncello clásico ata o máis vangardista, mesturado con electrónica e deixando ao ouvinte coa última palabra e a súa libre interpretación.
"As voces da Conciencia" é idea de Margarida Mariño, que tamén se ocupa da composición musical, do violoncello e electrónica, mentres que Laura Iturralde realizou a composición visual da obra, o videoarte e a iluminación.
Tras a actuación, haberá unha breve explicación da intervención e charla cos asistentes.