A cantora galaico-belga Verónica Codesal presenta o seu novo proxecto na Illa de Arousa
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Verónica Codesal fíxose coñecida como líder de Urban Trad, agrupación coa que lograba o segundo posto no festival de Eurovisión 2003. Agora, esta artista regresa a Galicia co seu proxecto '100 Voltas', unha proposta na que une a tradición galega con outras influencias.
A cantante leva anos desenvolvendo a súa carreira musical en Bélxica e a súa intención é impulsar esta nova iniciativa utilizando a tradición oral e tamén composicións da poesía galega contemporánea.
Verónica Codesal é filla de pais emigrantes e agora constrúe un universo sonoro propio baseándose en ritmos árabes, do leste europeo e mesmo do folk-pop. Os seus temas destacan polo seu marcado feminismo e conteñen letras propias e tamén de persoas creativas como Rosalía Fernández Rial, Lucía Aldao, Yolanda Castaño ou Brais Fernandes.
Este martes 25 de xullo, Día de Galicia, a partir das 19.30 horas ofrecerá o seu concerto en Patapalo na Illa de Arousa, dentro da xira internacional que se inicia en Galicia.