GAL/EGO estréase no Náutico esta fin de semana para darlle un altofalante á música electrónica pontevedresa
Por Redacción
A partir deste venres, 21 de xullo, e até o luns, 24 de xullo, Pontevedra vivirá un idilio coa música electrónica en todas as súas variantes. GAL/EGO preséntase como un evento cultural onde a protagonista é a música electrónica en todas as súas variantes profesionais (música, arte visual, entrevistas, charlas/debates, conferencias...), con artistas, promotores de eventos, colectivos, axencias, selos discográficos, picadiscos e produtores.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa edil Eva Vilaverde, recibiu ao promotor do proxecto, Sergio Chech, natural de Monte Porreiro. Amais de ser o impulsor da iniciativa, Chech é produtor e picadiscos.
A cita ten como idea principal xerar unha unión da comunidade electrónica para coñecerse entre si e "dar visibilidade a un sector en auxe para todo tipo de público" e así "poder examinar cada un dos puntos que esta industria xera".
GAL/EGO terá lugar no Bizarro, no club náutico da cidade, e contará con diferentes áreas de traballo e ocio para dar cabida a conferencias, masterclass, conversas, sesións de picadiscos e live sets.
O rexedor da cidade felicitou a Chech por esta iniciativa, que agarda que funcione e logre ter unha boa acollida, destacando a idea dese "auxe da música electrónica que está a haber", en relación con outros eventos na cidade relacionados coa mesma, coma pode ser o Senda.
Pola súa banda, e representando ao Local de Música, Pablo Trobo indicou que "hai cada vez máis xente que lle gusta este estilo de música. O noso traballo diario no Local é sempre apoiar as bandas e tamén a xente que organiza este tipo de iniciativas dentro da cidade".
"Cada vez hai máis demanda das salas do Local de parte de xente con preferencia pola música electrónica e mesmo estamos mudando e renovando algunha equipa para poder adaptalas ás súas necesidades. Pontevedra conta con varios colectivos que tiran cada un polo seu lado, por eso nós tratamos de ser ese pegamento para que a xente se coñeza, e se pode ser no Local moito mellor", sentenciou.