O folclore portugués estreitará lazos co galego na duodécima Mostra dos Trazantes de Tenorio
Por Redacción
O adro da festa de Tenorio será o escenario no que se desenvolva este sábado 22 de xullo, a partir das sete da tarde, a duodécima edición da Mostra dos Trazantes de Tenorio.
Nela terá un papel relevante o irmandamento co folclore e a música tradicional de Portugal a través da participación do Rancho Folclórico do Centro Cultural de Río de Moinhos (Penafiel).
Así, no festival folclórico actuarán o grupo Os Trazantes de Tenorio, Rancho Folclórico do Centro Cultural de Río de Moinhos (Portugal) e o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima de Rois.
A partir das 21 horas, a festa quedará a cargo de Son das Tabernas.
Esta actividade está incluida dentro do programa Cerdedo-Cotobade en Sons que promove o Concello e conta cunha axuda económica municipal importante para que esta mostra siga sendo un certame de referencia "non só na provincia senón en Galicia", segundo Jorge Cubela.
O grupo de música e de baile tradicional Os Trazantes de Tenorio é, recordou o alcalde, unha das agrupacións tradicionais con maior repercusión no ámbito da promoción e difusión da cultura, da música e do baile tradicional galego no estranxeiro.