As 'tripas' do Teatro Principal póñense a punto para a nova tempada cultural
Por Redacción
Aproveitando o parón dos espectáculos culturais baixo teito, algo habitual no verán de Pontevedra, o Teatro Principal está poñendo a punto as 'tripas' do seu escenario.
Estase a mellorar a zona da tremoia, unha actuación deseñada para facilitar o traballo dos profesionais encargados do seu funcionamento e adaptarse aos requirimentos dos espectáculos máis actuais.
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, deu conta este xoves dos traballos e actuacións que se están a realizar no Teatro Principal co obxectivo de "deixalo a punto" para o comezo da nova tempada "e nas mellores condicións".
"Cando imos ver unha obra de teatro ou un concerto, por detrás hai toda unha maquinaria funcionando que hai que poñer a punto, algo que así estamos a facer coas obras que se están efectuando", explicou o responsable municipal de Cultura.
Toda a tremoia, o cordame, o alumeado e todo o que queda a vista dos espectadores quedará así "completamente actualizado", engadiu o concelleiro.
O Teatro Principal, recordou Demetrio Gómez, "xa ten uns anos", polo que estas actuacións actualizarán boa parte do seu funcionamento interno, quedando nas mellores condicións para acoller espectáculos segundo os requirimentos das compañías e artistas de hoxe en día.
Ademais, estas melloras incidirán de xeito directo no traballo dos técnicos e dos profesionais que están enriba do escenario.
A vindeira tempada de espectáculos ten previsto o seu comezo despois do verán, na recta final de setembro ou no inicio de outubro e que continuará "cunha importante programación cultural nun Teatro Principal en mellores condicións para gozo de toda a veciñanza".