Uns meses antes, un mozo pontevedrés é contratado como técnico de iluminación e son para estas dependencias. E aquí é onde comeza a visita que PontevedraVIva Radio realiza xunto a ese técnico a un Teatro Principal descoñecido para a inmensa maioría dos cidadáns.
Salvador Casaderrey rememora como foi a visita da diva á cidade do Lérez nun momento no que aquel espazo cultural tomaba forma e dotábase dun equipamento absolutamente punteiro. A súa presenza quedou preservada do esquecemento cunha placa conmemorativa no camerino que ocupou.
Hai outro protagonista nesta visita. Entre bambalinas, debidamente situado e abrigado para que a temperatura non afecte á súa saúde. Non resuella ata que Salvador destápao e preséntanolo. O piano de cola que a Caixa de Aforros de Pontevedra doara e que tamén soou naquela ocasión. Un irmán practicamente xemelgo, co teclado de marfil de outrora, vive nos sotos do Principal. No espazo que inicialmente e durante pouco tempo era a cafetería e que a día de hoxe na sede da Sociedade Filarmónica.
Coñecemos a mobilidade do escenario; o mecanismo da tremoia; a privilexiada perspectiva que se ten desde a tronera onde a palabra frío non existe, salvo que se teña esa sensación cunha temperatura mínima de 35 graos; a sala de tradución simultánea, o 'taller de reparacións' de Salvador onde os aparellos analóxicos -parece que foi onte- semellan dinosauros ante a tecnoloxía dixital , os camerinos, os almacéns, ... para o Cara a cara unhas horas dunha mañá, para Salvador 32 anos da súa vida. Os que cumprirá o Teatro Principal o próximo mes de xaneiro.