Os concursos de relatos foron o seu laboratorio de experimentación. Neste tipo de convocatorias comezaba a desenvolver o seu gusto pola escritura o invitado ao podcast 'Cara a cara'. É pontevedrés, veinteañero, graduado en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios pola Universidade de Vigo e empregado nunha librería.
Fabio Rivas Pardo é ademais un dos autores que esta fin de semana - o sábado ás 20.00 horas no Espazo Nobel - estará a asinar exemplares na Festa dos Libros. Polo momento un, de recente edición, 'A pintura debida'. Foi Xerais quen se interesou e contactou con el, precisamente por recomendación de Fran Alonso que fora xurado nalgúns dos concursos aos que se presentou.
Sente cómodo no relato curto e este é o que conforma as historias de 'A pintura debida', escrito en galego, lingua na que escribe por compromiso consigo mesmo, con Galicia "e coa lingua e a cultura. De feito o libro ten moitas referencias implícitas e explícitas ao bo repertorio que temos ao longo da historia en galego" engade sinalado que "tamén quería facer un libro o máis enxebre posible cun léxico o máis o noso posible e á vez que fose un libro actual que poida ler todo o mundo. E creo que saíu ben".
O podcast completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.