David Pintos volve unha edición máis á Festa dos Libros. Nesta ocasión o escritor e podcaster pontevedrés, residente en Madrid, firma e presenta o seu último título, 'Mago blanco', co que pecha outra das súas triloxías, a terceira e á que seguirá unha cuarta como nos comenta no podcast 'Cara a cara'.
"A idea final desta saga é unha tetratrilogía. Dalgunha forma son parcialmente independentes pero están conectadas entre si", explica. O primeiro, 'Mago gris', é un thriller psicolóxico; 'Mago negro' unha historia de ciencia ficción extraplanetaria con ingredientes sociais, unha space opera; e 'Mago blanco' volve á Terra con elementos catalizadores coas anteriores.
Ciencia ficción e intriga non faltan na súa traxectoria como escritor: "non todas son ciencia ficción pura, ás veces é máis anticipación. E thriller porque tamén adoro a novela negra". A estes xéneros hai que engadir a música, que tamén forma parte do imaxinario de David Pintos e pasa a ser un "personaxe principal" en 'Mago gris' porque a escoitan os personaxes mentres sucede a trama da novela.
Esa música, por se algún lector quere probar a vivir a mesma situación, está dispoñible nunha tracklist en Spotify, ademais das recensións no propio libro.
Pintos asinará exemplares o sábado 8 ás 13.00 horas con Escolma. Fala moi orgulloso das particularidades da convocatoria da súa cidade: "o marco é incomparable, a praza da Ferrería é unha marabilla e o feito de que estea baixo unha carpa e todo diáfano, conectado, fai que sexa todo máis especial, máis estreito co libreiro, o público e o escritor. De feito non é unha feira, é unha festa".
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.