Os Trazantes de Tenorio consolidan a súa proxección internacional e representan a Galicia en Portugal
Por Redacción
O grupo de música e de baile tradicional Os Trazantes de Tenorio, de Cerdedo-Cotobade, consolidouse esta fin de semana como unha das agrupacións tradicionais con maior repercusión no ámbito da promoción e difusión da cultura galega no estranxeiro ao converterse no representante galego no XXXII Festival do Folclore que se celebrou en Rio de Moinhos en Peñafiel (Portugal).
Trátase dun festival de gran renome que cada ano congrega a centos de persoas e que este 2023 se celebrou o sábado 17 de xuño.
Os Trazantes de Tenorio foron o grupo seleccionado nesta edición para representar a Galicia, e levar ata o distrito de Peñafiel a tradición galega e facer promoción da súa riqueza cultural.
Desde o grupo sinalan que a enerxía que amosaron enriba do escenario, xunto cos vistosos bailes que representaron, levantaron a ovación do público asistente, finalizando a súa actuación cunha peza da que foron partícipes a meirande parte dos espectadores.
A agrupación galega compartiu escenario co grupo anfitrión, O Rancho Folclórico do centro cultural de Rio de Moinhos, e tamén co Rancho folclórico de Freixiel Vila Flor, o Rancho Folclórico de Távora (Santa Maria e Sao vicente) e o Grupo folclórico da Vila de Ponte (Guimaraes).
Previo a este festival, a agrupación tivo varios actos institucionais e de convivencia co grupo anfitrión e cos demais grupos convidados, que serviu para o irmandamento dos pobos e fomentar o intercambio cultural.
O Rancho de Rio de Moinhos devolverá a visita a Tenorio o 22 de xullo coa súa participación no festival anual que organizan os Trazantes, a Mostra, no que a asociación amosa o seu traballo de recompilación e representación da pezas do xeito máis fidedigno á realidade da época.