Doan a Poio un gravado de Cristóbal Colón datado no século XIX e atopado en Soutomaior
Por Redacción
Un novo gravado de Cristóbal Colón, datado no século XIX, será depositado e exposto na Casa Museo de Colón, en Porto Santo. Foi atopado polo seu actual propietario, Daniel Barreiro Acuña, anticuario e restaurador de profesión, nas antigas dependencias do concello de Soutomaior. Posiblemente formou parte das posesións do Castelo de Soutomaior, que se atopan na actualidade dispersas en múltiples coleccións particulares.
A obra, realizada polo francés Turgis e reproducida polo obradoiro de J.M. Fuentes, situado na cidade de Málaga, leva por título Cristóbal Colón por medio de los indios, e representa a chegada de Cristóbal Colón a terras americanas. O seu dono foi consciente do valor do gravado polo interese que espertou en moitos coleccionistas americanos e descubriu que o outro único exemplar que se coñece encóntrase na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos.
Agora, entregouno en doazón ao Concello de Poio, que o recibiu de mans da Asociación Colón Galego - Celso García de la Riega. No seu nome, a concelleira de Cultura, Silvia Díaz, destacou a importancia desta doazón, "por facer posible que este gravado, que forma parte do patrimonio histórico e cultural galego e que formou parte do acervo do Castelo de Soutomaior, poida ficar no noso país".
Díaz tamén salientou a labor da Asociación Colón Galego, polo seu empeño por acrecentar e enriquecer os fondos da Casa Museo de Colón, onde se depositará este gravado, e que ven a sumarse ao facsímil das Capitulacións de Santa Fe, entregado á asociación polo Instituto de Patrimonio Cultural hai apenas uns meses.
Na entrega deste gravado, o presidente da asociación, Eduardo Meruéndano, que explicou as características da obra doada, creada por Turgis ao redor de1850, puxo de relevo a importancia da difusión da teoría que defende a orixe galega de Cristóbal Colón, que os membros desta asociación veñen defendendo e contribuíndo á súa expansión dende hai anos.
Neste sentido, o alcalde de Poio, Luciano Sobral recoñeceu os logros recentemente acadados, como a ratificación do Instituto de Patrimonio Cultural da autenticidade dos documentos de Celso García de la Riega, "que son pasos decisivos para a hipótese que defende a orixe galega de Colón", así como o traballo da Asociación Colón Galego por divulgar e estender a teoría, labor que se intensificou e que comezou a cobrar máis forza desde que o Concello de Poio conta cun espazo de referencia, a Casa Museo de Colón en Porto Santo.