Un seminario sobre Patrimonio Cultural lembrará a catedrática de Historia da Arte, Ana Goy
Por Redacción
O xoves 15 de xuño desenvolverase no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o seminario 'Estudos e reflexións sobre patrimonio cultural' para lembrar o traballo de investigación e posta en valor do patrimonio cultural desenvolto pola profesora Ana Goy Diz.
Este seminario desenvolverase de 16.00 a 19.30 horas. O acceso é libre para o público. Aquelas persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse ata o martes 13 de xuño solicitándoo a través do correo: reservas.museo@depo.gal
Durante este acto presentaranse nove comunicacións sobre a relación do patrimonio con memoria e a identidade e sobre a súa protección e conservación en relación co estudo do legado cultural.
Diana Duo Ramila, coordinadora do seminario, realizará unha descrición da homenaxeada Ana Goy, falecida en 2022, que foi catedrática de Historia da arte, a primeira do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, e integrante da Real Academia de Belas Artes, entre outras distincións.