Cambados será este verán capital da música con denominación de orixe
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Cambados será entre o 14 de xullo e o 3 de agosto capital no só do viño albariño con denominación de orixe, senón tamén da música e a cultura máis vinculadas ao sector vitivinícola. Acollerá o festival 'Música con D.O.'.
O alcalde, Luis Aragunde, presentará a actividade na XXXIV edición da Feira Internacional do Turismo (Fitur) que se celebra no Ifema de Madrid do 22 ao 26 deste mes. Terá lugar no vindeiro verán en colaboración co concello de Peñafiel (Valladolid), capital da denominación Ribera del Duero.
'Música con D.O.' é un proxecto aprobado polo Goberno de España que ten como obxectivo organizar un festival durante unha quincena na que se desenvolverán concertos de diversos estilos de música, provintes de comunidades autónomas estreitamente vinculadas á cultura do viño.
O festival 'Música con D.O.' celebrarase durante dúas semanas, entre o 14 de xullo e o 3 de agosto de 2014. Contará cun programa itinerante que vincula territorios que comparten a cultura vitivinícola. Haberá opcións variadas para distintos públicos, sendo unha oportunidade para coñecer a novos artistas de primeiro nivel do panorama nacional a través dos concertos, como actividade principal, así como outras secundarias relacionadas coas artes escénicas, coa música e coa cultura enolóxica.
No programa inclúese unha noite de xullo dedicada ao Viño Novo, coa actuación de artistas pop-indie. Haberá unha noite de agosto denominada Gran Reserva co concerto dun artista recoñecido a nivel nacional e para un amplo rango de públicos. A Tarde do Mosto, a principios de agosto, dedicarase aos máis pequenos e ás súas familias cun concerto de música indie infantil na praza de Fefiñáns.
Outras actuacións musicais previstas inclúen tres sesións vermú no paseo da Calzada con concertos de tres bandas de música das comunidades autónomas adheridas ao proxecto; unha sesión vespertina de música clásica e lírica; dúas sesións vespertinas de música tradicional en prazas do conxunto histórico, e outro concerto de jazz, no salón José Peña, que servirá de maridaxe entre a música e mailo viño.
O ciclo de cine Vinéfilos permitirá proxectar nas rúas e no museo do Viño prestixiosas produccións nacionais relacionadas co mundo da gastronomía de directores recoñecidos como Jorge Coira, Felipe Ugarte, Agustí Vila ou Carmen Ruscalleda.
O programa tamén inclúe actividades para colectivos desfavorecidos, asinándose un convenio coa ONCE a través do cal ofértase a posibilidade de realizar unha visita guiada sensorial ao museo vitivinícola co obxectivo de que coñezan a unión do patrimonio, a cultura do viño e a música.
Entre as actividades infantís prevese levar a cabo cinco talleres de manualidades creativas con corchos: broches, xoguetes, esculturas, xogos de mesa, etc.; outros cinco obradoiros de pintura, así como a visita a unha adega e outra ao museo do Viño con percorrido da ruta de sendeirismo A Pastora-Umia.