'El loco de los pájaros' leva ao lector a finais do século XIX e principios de XX a través da biografía do seu protagonista, Eugene Schieffelin. Un rico neoyorkino a quen a autoraCare Santos, rescata da historia, xa que este home viviu realmente.
Un norteamericano afeccionado á ornitoloxía e a Shakespeare. Un home que quixo que diversos paxaros de Europa tamén habitasen en Nova York. E fíxoo. Aínda que os seus soños filántropos non pasaban pola realidade que supoñen estas aves na actualidade.
En 'El loco de los pájaros'hai cabida ademais para outros personaxes que tamén existiron. Preguntámoslle por un en concreto dada a oriundidade dese personaxe. Na novela chámase Ramón Pedraz e realmente foi o estradense Ramón Verea.
"Un pontevedrés máis listo que a fame" relata Santos e pasa por ser o inventor dunha primigenia calculadora e dunha máquina para dobrar xornais. "Houbo moitos galegos naquela Nova York, como tamén cataláns e parecíame que non falar daqueles españois que se agruparon ao redor da rúa 14 non era ser fiel á verdade".
É unha novela que difire das novelas que asina a escritora catalá e como nos explica no podcast 'Cara a cara' responde a que "obedece a un momento moi distinto porque sen a pandemia non existiría. Escribina nunha época en que non podiamos saír de casa e dalgunha maneira proxectaba desexos e necesidades que todos tiñamos".
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar na web de PontevedraViva Radio.