A guerra contra a democracia, un documental sobre a política de inxerencias de EEUU, no DOCBUEU
Por Redacción
DOCBUEU, o ciclo de documentais para combater a desinformación, continúa este venres, 9 de novembro, coa proxección de A guerra contra a democracia, un repaso á política de inxerencias levada a cabo por Estados Unidos sobre América Latina desde 1945. A cita é ás 22:00 horas no Centro Social do Mar de Bueu, con entrada de balde.
Nesta semana na que veñen de celebrarse eleccións na primeira potencia do mundo, o filme de John Pilger amosa como, coa escusa de promover a democracia e coidar a seguridade, EEUU se apoia nas elites de estados máis febles para explotar os seus recursos naturais. Desvela asemade as razóns ocultas no intento de derrocar ao presidente de Venezuela, Hugo Chávez, en 2002.
O relato incorpora entrevistas exclusivas con oficiais do Goberno americano, incluíndo axentes que revelan por primeira vez cómo a CIA despregou e segue a despregar a súa particular guerra en Latinoamérica. O director entende que a verdadeira democracia popular podería atoparse máis ben entre os países máis pobres de América Latina, cuxos movementos e avances son a miúdo ignorados polos grandes medios.
Bloqueo, a guerra contra Cuba, Un cru espertar e Operación Garzón son os títulos que se proxectarán os vindeiros venres no DOCBUEU, aínda que a actividade continuará nos próximos meses.
Este ciclo está organizado pola produtora Melodía Visual, coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e do Concello de Bueu. As persoas interesadas poden manterse informadas en www.facebook.com/DocBueu.