O bloqueo económico dos Estados Unidos a Cuba centra unha nova sesión do DOCBUEU
Por Redacción
Bloqueo, a guerra contra Cuba é o filme que mañá venres se proxecta no DOCBUEU. A nova sesión deste ciclo de documentais para combater a desinformación comeza ás 22 horas, no Centro Social do Mar de Bueu, con entrada de balde. O filme narra a orixe e as consecuencias da situación económica imposta polo imperialismo americano á illa caribeña.
Con dirección de Daniel Desaloms e a investigación xornalística de Carolina Silvestre, a cinta pon de relevo o plan dos sucesivos gobernos de Estados Unidos para derrocar o goberno revoluncionario a través dun bloqueo cada vez máis inhumano. Canda entrevistas a expertos e altos cargos, falan sobre o seu día a día cidadáns cubanos que padecen esta realidade desde hai máis de catro décadas.
O DOCBUEU continúa os venres deste mes coa proxección de Un cru espertar e Operación Garzón. O ciclo seguirá en decembro con novos títulos. A actividade está organizada pola produtora Melodía Visual, coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e do Concello de Bueu.
As persoas interesadas poden manterse informadas en www.facebook.com/DocBueu.