Os cineclubes galegos, entre eles o de Pontevedra, organízanse para distribuír o documental "Entreparadas"
Por Redacción
Tralo intento realizado co filme animado O Apóstolo, os cineclubes galegos decidiron organizarse para activar a distribución de películas. Todos eles poñeranse a disposición da rede audiovisual de Galicia para facilitar a chegada á gran pantalla de películas que non contan coas adecuadas canles de distribución. Estrearanse, durante os meses de xaneiro e febreiro, co documental Entreparadas.
Este documental, que se poderá ver no Teatro Principal de Pontevedra o próximo 22 de xaneiro en dobre sesión ás 20.00 e 22.00 horas, está producido pola Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico de Ourense (PAT), Jorge Coira e María Liaño. O seu director é Toño Chouza. A súa estrea produciuse recentemente no marco do festival Cineuropa, en Santiago de Compostela.
Trátase dun documental protagonizado por 16 persoas anónimas vítimas de accidentes de tráfico, de parálisis cerebral, con ceguera e outras discapacidades, ademais de persoas sen ningún problema físico, de Ourense e de Senegal entre outros lugares, que dan unha visión optimista e potenciadora de valores como a solidariedade, o respecto e a tolerancia.
Na película vanse entrecruzando vidas en momentos comúns pero tamén privados, como os de Felisa, aunha moza de Guinea, case cega, que estuda Dereito no campus de Ourense e tras aceptar participar no proxecto estreouse como escaladora nunha sesión que recolle o documental, ou os de José, campión paralímpico durante varias edicións de Boccia, afectado por unha parálise cerebral producida pola falta de osíxeno "durante un parto natural que debeu ser cesárea pero atrasouse pola indecisión dun médico", segundo relata el mesmo.
O documental inclúe os momentos de estudo polo método Braille e con tecnoloxías adaptadas de Felisa, algún adestramento de José e as novas experiencias abordadas por todos os protagonistas durante a rodaxe, como a obtención do carné de conducir de José, a aprendizaxe de acordeón de Pepe Pérez, e as dificultades de cada un dos 16 protagonistas para converterse en actores
Con esta iniciativa, a Federación de Cineclubes de Galicia busca proporcionar este tipo de películas "que non teñen canles de distribución nin responsables interesados en que as vexan a maior cantidade de persoas posibles, e non só en cobrar subvención, o que leva a algúns a non preocuparse pola distribución posterior", segundo sinalou o presidente deste colectivo, Manuel Precedo.
Nese sentido, indicou que a chegada aos cines comerciais "é un dos grandes problemas do cine na actualidade, ademais da piratería e algún outro", pero a federación descubriu o novo camiño "impulsado de forma anárquica con O Apóstolo, moitísimo máis orzamento que Entreparadas pero sen a distribución esperada nos cines, así que respondemos rapidamente". Espérase que esta iniciativa teña o respaldo do sector.