A Banda Filharmónica do Salnés estréase en Vilagarcía con 62 músicos no escenario
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A recén creada Banda Filharmónica do Salnés preséntase este sábado ao público da comarca cunha actuación prevista para as 20:30 horas no auditorio municipal. En total serán 62 músicos que baixo a dirección de Xabier Bascoi, ofrecerán un repertorio baseado na música dos países do Leste baixo o título de "Russian Chritsmas Music. Dende os confíns de Europa".
A entrada ao espectáculo é simbólica, dous euros. Poderá adquirirse a partir das 18:30 horas no mesmo auditorio.
A idea de crear unha banda filharmónica xurdiu xa hai un par de anos por parte de varios músicos profesionais do Salnés que pensaban que unha comarca cunha tradición musical tan grande e que suma unha poboación de 112.000 habitantes debería contar cunha orquestra de calidade que se dedicase a interpretar temas de música clásica que, por outra parte, dificilmente teñen os músicos a oportunidade de interpretalas nas súas bandas de orixe.
Coa creación da banda filharmónica incídese, por tanto, na formación dos músicos pero tamén na divulgación de composicións de música clásica normalmente descoñecidas polo público en xeral.