A Banda e a Coral Polifónica de Salcedo celebran as Letras Galegas cun concerto
Por Redacción
A Asociación Músico Cultural San Martiño conmemorará o Día das Letras Galegas cun concerto protagonizado pola Banda de Música de Salcedo e a Coral Polifónica de Salcedo que terá lugar o mércores 17 de maio ás 19 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Nesta ocasión, a agrupación dirixida polo mestre Alfredo Sánchez Seara, quere adicar esta conmemoración "a autores galegos ou a aqueles que se inspiran en Galicia para crear composicións baseadas na nosa cultura e nas nosas tradicións, mantendo viva a nosa música popular".
A Coral Polifónica de Salcedo, dirixida por Cristina Castro Pintos, abrirá o concerto interpretando temas como 'Do mar pola orela', 'Se chove deixa chover' e 'Pandeirada da chuvia', para dar paso a Banda de Música que comezará o seu repertorio co pasodobre 'Clara Fernández', composto por un membro da propia agrupación e que foi seleccionada para participar na final do V Concurso Nacional de Pasodobres “Maestro Fco. García Muñoz” no ano 2011.
A continuación, a Banda interpretará a peza 'A Catedral', obra gañadora do primeiro premio no XIII Concurso Galego de Composición na 3ª categoría e da que é autor o valenciano José Luis Peiró, que se inspira na Catedral de Santiago para a súa elaboración.
Continuará con 'Rapsodia Galega nº1', obra do galego Enrique García Rey na que se poderán escoitar diferentes formas tradicionais da música galega, a alborada, a foliada ou a muiñeira irán alternando con tempos lentos que evocan os cantos tradicionais galegos. 'Guláns', pasodobre galego composto polo ponteareán Rogelio Groba Groba que leva o nome da parroquia onde naceu.
ESTREA DAS MUIÑADAS DO BATÁN
Este concerto do Día das Letras Galegas servirá tamén como estrea da peza Muiñadas do Batán, do músico e compositor Carlos Rodríguez Torres, natural de Salcedo e membro da Banda de Música desde a súa fundación.
É unha pequena peza escrita na forma de muiñeira para banda de música, inspirada nas festas nocturnas (muiñadas) que se celebraban nos muíños que discorren ao longo do Río do Batán, que atravesa a parroquia de San Martiño de Salcedo.
Pecharán o concerto ámbalas dúas agrupacións, Coral Polifónica e Banda de Música, interpretando dúas pezas do repertorio tradicional galego, 'María Soliña', canción inspirada no poema de Celso Emilio Ferreiro, e por último 'O meu amor é mariñeiro', canción composta polo grupo folk galego Fuxan os Ventos e baseada orixinariamente na letra do portugués Manuel Alegre que no seu momento se converteu no himno da resistencia dos estudantes á ditadura de Oliveira Salazar.
Con estes actos, a Asociación Músico Cultural San Martiño quere "homenaxear ás nosas letras e con elas ao intelectual, ensaísta, político, escritor e fundador da Editorial Galaxia, Francisco Fernández del Riego, coincidindo coa celebración do 60 aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, da que foi inspirador e os 110 anos do seu nacemento".
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas, con Francisco Fernández del Riego na memoria
Por Redacción |
-
"Rosalía volve estar entre todos e todas nós, como aquel primeiro 17 de maio 1963, que o mesmo Del Riego impulsou"
Por Redacción |
-
Concerto da Banda de Música de Salcedo e da Coral Polifónica para celebrar o Nadal este venres 23
Por Redacción |
-
A Banda de Música de Salcedo entrega os pins de benvida a unha quincena de novos membros
Por Redacción |
-
As bandas de música de Salcedo convertirán o Pazo da Cultura nun teatro de Brodway
Por Oskar Viéitez |