Fusión de pintura e debuxo, da man da exposición conxunta de Chus Láuzara e Chus Vázquez
Por Redacción
A sala de exposición do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra acolle desde este xoves 9 de xaneiro unha mostra conxunta titulada Láuzara Chus Vázquez. Nela, as artistas Chus Láuzara e Chus Vázquez presentan unha exposición na que fusionan as súas dúas especialidades, pintura e debuxo.
Láuzara defínese como unha muller sinxela, amante do arte en todas as súas facetas, da natureza... Asegura que un dos xeitos que ten de amosarse aos demais é plasmar cos seus pinceis todo aquilo que leva máis mergullado no seu ser. As súas pinturas, asegura, "gustan á xente, porque ao fin lémbrannos quen somos, de onde vimos, coma nos fixemos... cousa que na viraxiña da vida actual, cada vez esquecemos máis apresa".
Coa presente mostra, a artista viguesa pretende facer un percorrido polos derradeiros dez anos da súa paleta.
Pola súa banda, Chus Vázquez é unha artista de xestos, trazos e cun sentido musical na súa pintura. A cor e a pincelada, segundo ela mesma expresa, "son os lifemotiv das miñas obras, que están cheas de vida, alegría e nostalxia".
A artista pontevedresa trata de representar a acción humana e o interior persoal con connotacións, en ocasións, agridulces. "A miña obra está chea de expresividade e motividade", engade matizando que a súa pintura se achega ao expresionismo e á abstracción.
A exposición de Chus Láuzara e Chus Vázquez permanecerá aberta na sala de exposicións da Delegación Territorial ata o próximo 30 de xaneiro en horario de 9 a 14 horas da mañá de luns a sábado e de 17 a 20 horas de luns a venres.