Completamos os podcast de 'Xeración Sónica' con Vermes. Unha banda que conforman Javier Fernández Arizaga (guitarra), Anxo Baltasar Ríos (guitarra), Enma Bamio Pérez (voz e baixo) e Pablo González Gómez (batería).
É o seu segundo ano neste proxecto municipal e como sucede na industria musical tamén experimentaron cambios no seu estilo e entre os seus integrantes.
Violeta Mosquera é a súa titora e sitúaos musicalmente no "pop, pero desenfadado e rebelde. Enma ten unha voz moi chula, con dúas guitarras potentes e un batería tamén moi potente. Están a comezar a asentarse, pero ten uns temas moi chulos e chegarán onde queiran".
Outra particularidade de Vermes é que varios compaxinan esta experiencia coa formación no Conservatorio, o que "lles dá un importante control instrumental". Desta dobre formación, os propios rapaces comentan: "é moi diferente ao Conservatorio porque alí é máis técnico e aquí céntrome máis no grupo e todo xira ao redor disto, o grupo".
Tamén refiren a outra aprendizaxe que lles achega Xeración Sónica, "ter experiencia en concertos". Ao longo de cada edición ten lugar un calendario de eventos en directo nos que participan como o Festival Paredes de Coura, o Galegote Rock ou o Surfing the Lérez, entre outros: "os concertos molan bastante, hai algo de nervios ao principio, pero logo xa non son tantos", din.
Outro dos titores de Xeración Sónica, Alejandro Alonso, explica que "este tipo de festivais son importantes para que teñan contacto coa cidade e con outras bandas que estean dentro dun circuíto semi ou mesmo profesional; ese primeiro contacto coa industria. É moi importante que vexan o traballo que fan outras persoas como os técnicos de son, de escenario, as producións... que o valoren".
Interpretan para esta ocasión o tema 'Centos de seráns'.
O podcast completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e tamén descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.