"Este libro vainos axudar a construír ese pasado que ficou por vir"
Por Redacción
O Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra presentou este mércores 'O Pasado Por Vir 2. Un tempo posible', un libro que pretende "dar pulo" a novas investigacións sobre a sociedade anterior ao golpe de estado, e no que se inclúen artigos sobre proxectos concretos relacionados coa modernización, o desenvolvemento científico, a economía, a loita feminista, o comercio, o deporte e a arte en Galicia -e na provincia de Pontevedra en particular- a principios do século XX.
A deputada de Memoria María Ortega, encargada de abrir a presentación da publicación –que encheu o salón de plenos provincial coa participación da técnica de Memoria e coordinadora do libro Montse Fajardo, Xaime Toxo e Margarita Ledo- subliñou que "necesitamos facer un esforzo conxunto porque a memoria segue sendo unha tarefa urxente e ineludible".
"O franquismo, -dixo a nacionalista- ademais de destruír o soño colectivo, demonizou a importancia do tempo furtado, e loitar contra ese relato imposto é a única forma de deixar atrás o tempo do medo e avanzar en liberdade".
"A ditadura rouboulle demasiado tempo á sociedade soñada e tócanos remar para ser a xeración que a acade", subliñou Ortega, destacando que pasou case un século dende o golpe de estado e "aínda non fomos quen de resarcirnos de todas as perdas". Para facelo, insistiu, "é imprescindible estudar e divulgar, non só a represión, senón tamén como era a sociedade anterior ao golpe".
Para iso, dixo, 'O Pasado Por Vir 2' recolle o testemuño da anterior publicación do departamento de Memoria editada en 2021 ('O Pasado Por Vir. Achegas á historia que desbotou o Franquismo'), que xa contaba a grandes pinceladas como foran as loitas agraria, política, sindical ou cultural de inicios do século XX.
"Este libro vainos axudar a construír ese pasado que ficou por vir", asegurou, con escritos e investigacións "que permiten que paseemos por distintos lugares da nosa provincia" para coñecer mellor proxectos como a Cerámicas Celta de Pontecesures, o Samil de Os fillos do sol, o Tomiño da Aurora del Porvenir, a Pontevedra da Misión Biolóxica, ou o Bueu cultural que reunía a Maruxa Mallo, Johan Carballeira, Romulos Gallegos ou Torrente Ballester. Tamén achega as biografías de persoas como Alejandro Viana, Urania Mella, Xan de Forcados ou Onia Moreno, das que malia a súa importancia, insistiu, aínda queda moito por descubrir.
As persoas autoras dos dez artigos incluídos en 'O Pasado Por Vir 2. Un tempo posible' son Miriam Miguélez González, David Rodríguez Rodríguez, Roberto Mera Covas, Mila Bouzón Castroagudín, Natalia Jorge Pereira, Concepción López Sánchez, Xaime Toxo, Francisco R. Pastoriza, Arturo S. Cidrás, Montse Fajardo Pérez, Margarita Ledo Andión e María Ángeles Tilve Jar.
Deles, Xaime Toxo e Margarita Ledo estiveron presentes na presentación no salón de plenos provincial falando dos seus respectivos artigos.
A xornada estivo acompañada da actuación musical de MJ Pérez, quen interpretou tres pezas relacionadas coa memoria histórica: 'A peza solta', 'Casandra' e 'Quen a ferro mata'.
Relacionadas:
-
Preséntase este xoves '70º Norte', a primeira novela de Xaime Toxo
Por Redacción |
-
A Deputación presenta unha publicación sobre a música galega represaliada durante o franquismo
Por Redacción |
-
A Deputación publica o diario do activista de Vilaboa José Casal mentres estivo preso en San Simón
Por Redacción |
-
Presentan 'E se fose hoxe?', un proxecto fotográfico para "coñecer as vítimas do 36 dun xeito máis humano"
Por Almu Dapena |
-
A Deputación aproba tres millóns de euros en materia de política social e recursos para o sector primario
-
A Deputación de Pontevedra presenta este mércores un novo libro sobre Memoria Histórica
Por Redacción |