'Mamma Mía!' preséntase no Principal para acadar fondos destinados a protectoras de animais
Por Redacción
O domingo 7 de maio a partir das 20.00 horas, o Teatro Principal de Pontevedra acollerá unha versión do musical 'Mamma Mía! We have a dream', elaborado coas cancións máis coñecidas do grupo de pop sueco Abba.
Mabel Oroso é a encargada de dirixir esta montaxe creada por persoas afeccionadas ao teatro e á música, coa colaboración da asociación @wakea. Todas se uniron desde distintos puntos das Rías Baixas para desenvolver este proxecto que ten fins solidarios, obter fondos para diferentes protectoras de animais da contorna.
Despois de moitos ensaios, durante os últimos meses, en Sanxenxo e de realizar un pre-estrea nun centro de maiores, a xornada grande chegará o vindeiro domingo con esta representación que pretende divertir ao público coas versións das cancións de Abba e do libreto orixinal da dramaturga británica Catherine Johnson.
Os puntos de venda das entradas, a un prezo de 8 euros, anúncianse nas redes sociais de @acanceiradepoio, @difusionfelinapontevedra e @ospalleiros.
Tras esta estrea, o espectáculo representarase o domingo 21 de maio no auditorio do Grove.