La Casa de los Ingleses lanza 'El Mesías', unha "patada na cara" aos "novos deuses" dixitais
Por Alejandro Espiño
La Casa de los Ingleses continúa debullando o contido do que será o seu novo EP. Fíxoo este xoves coa publicación de El Mesías, a segunda das cancións que incluirá este novo traballo discográfico da banda pontevedresa.
El Mesías é, segundo destacan desde a banda, unha canción "directa, sen reviravoltas, cun potente son e motivos de guitarra que atrapan", combinando as melodías do pop, a delicadeza do indie e a potencia do rock.
Cun son que lembra ás cancións máis pop de Los Planetas, esta canción "é unha patada na cara aos novos deuses, eses personaxes dixitais que se cren intocables detrás dunha pantalla, pero que en realidade son fráxiles e vulnerables".
Este sinxelo foi producido, gravado, mesturado e masterizado por Carlos Hernández Nombela, produtor de grupos como Los Planetas, Viva Suecia, Leiva ou Triángulo de Amor Bizarro e co que La Casa de los Ingleses traballou por primeira vez para este EP.
Este novo adianto vén acompañado dun videoclip realizado por Producións Mutantes, no que se pode ver á banda tocando rodeados de simboloxía. Partindo dunha narrativa non lineal, pretende outorgar dun universo visual propio a esta canción.
El Mesías segue o camiño aberto por Sensacional, o primeiro single que se coñeceu deste novo EP, formado por seis novas temas e que se publicará o próximo mes de xuño.
Relacionadas:
-
"Veinte minutos antes del fin del mundo", o novo EP de La Casa de los Ingleses
Por Alejandro Espiño |
-
La Casa de los Ingleses presentará o seu novo traballo o sábado 13 en Sala Karma
Por Redacción |
-
Así soa "Sensacional", o primeiro adianto do novo EP de La Casa de los Ingleses
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Unha versión de "Anduriña", a nova canción de La Casa de los Ingleses
Por Alba Feijoo Alonso |