RADIO.- A pontevedresa Mercedes Corbillón publica 'A beleza debe morrer' en galego máis en castelán
Por Marisa Ciordia
Para o seu debut como escritora de novelas, a pontevedresa Mercedes Corbillón publica en galego máis en castelán. 'La belleza debe morir' editada por Espasa e 'A beleza debe morrer' editada por Galaxia. "A novela estivo xestada en castelán, pero unha vez que estaba a terminar dábame pena que sendo o galego a miña lingua materna non se editase nas dúas linguas", explica no podcast 'Cara a cara'.
Unha novela na que unha muller madura narra o seu momento presente - unha viaxe a Venecia acompañando, ou acompañada da súa nai -, tratando de esquecer unha paixón, unha relación amorosa cun home casado. Precisa nestas páxinas que "todo é autobiográfico; pero dalgunha maneira, todo o escrito é ficción".
Un libro cargado de contraposicións: unha narradora-protagonista que detalla a súa intimidade pero que nunca desvela o seu nome nin o do seu amante; unha relación sumamente carnal que tamén é fantasía, un amor e un desamor; unha Venecia que a protagonista vive fría e sombría fronte a un polígono industrial onde se producen os seus encontros pasionais e que chega a observar como unha paisaxe idílica.
Na carta ao lector que precede aos pertinentes agradecementos que conclúen o libro, esta empresaria (cofundadora das librerías Cronopios) descríbese como "unha lectora que se pasa a vida entre lectores" e entre eles fará a presentación do seu libro este xoves 20 de abril en Pontevedra. Pódese escoitar o programa completo na ligazón que se adxunta ou descargar o podcast na web de PontevedraViva Radio.