A IV Gala do Comercio do Morrazo trae a Bueu á cubana Diana Tarín
Por Redacción
A cantante cubana Diana Tarín e a súa banda serán as estrelas da IV Gala do Comercio do Morrazo, que se celebrará o domingo 12 de xaneiro no auditorio do Centro Social do Mar de Bueu.
A gala, organizada pola Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) rota cada ano de localidade e este 2014 tócalle a Bueu. Como é habitual, a entrada será de balde, pero contando que o aforo é limitado, polo que se recomenda que o público interesado se presente con tempo suficiente no recinto.
O acto será conducido polo coñecido e premiado actor galego Luis Zahera, famoso polo seu papel como 'Petróleo' na serie Mareas Vivas, e máis recentemente pola súa participación en series de televisión e filmes nacionais (Sin tetas no hay paraíso ou Celda 211).
Diana Tarín posúe unha voz moi persoal, íntima e envolvente que seducirá ao público nesta gala. A agrupación Diana Tarín Band creouse no 2008 coa vocación de integrar os sons de diferentes lugares nun contexto común, dende a bossa nova, o soul, o funky ou a samba. O son da banda callou da negrura da súa voz xunto co amplísimo coñecemento de recursos e cancións populares dos seus múscos, pasando por unha sutil conxugación de ritmos e cores funkyjazz-étnicos de todo o compendio instrumental.
Os músicos que integran a Diana Tarín Band son:
Diana Tarin: Voz e Percusión
Gabriel Peso: Piano
Lorenzo Boo: Guitarra
Diego "Noti" Valero: Batería
Pachi Cruz: Baixo Eéctrico
Esta gala serve ademais para poñer fin á tradicional Campaña de Nadal das empresas locais. Entregaranse os cheques-compra de 100 e 200 euros aos agraciados gañadores, da man dos responsables dos establecementos que lles deron a sorte. Así mesmo, celebrarase en directo, a partir dunha aplicación informática, o sorteo dos tres premios de 1.500 euros entre todos os que participaron cos seus boletos en www.compranomorrazo.com. Os que teñan no seu haber algún código da campaña deberán introducilo nesta páxina web antes do martes día 8 ás 23.59 horas.