Un conto contado e cantado chega ao Auditorio de Arousa: María Fumaça
Por Redacción
O auditorio da Illa de Arousa acolle este venres 3 a partir das 18.00 horas o proxecto musical 'María Fumaça' que naceu a partir do libro-disco-dvd 'María Fumaça. Cantar e bailar para ser máis feliz', editado por Galaxia. Neste traballo participaron coñecidos artistas galegos como Uxía, Maxín Branco, Sergio Tannus, Serginho Sales, Carlos Blanco ou Tanxarina que, nalgúns casos, participan da súa versión escénica ofrecendo as súas interpretacións dos máis de vinte temas que integran o disco.
O espectáculo ofrece numerosas situacións cómicas e fomenta a participación do público con sinxelas coreografías. Este proxecto naceu da man de Uxía que quixo facer este regalo artístico a Ruí, o seu afillado, un neno que ten unha discapacidade. Por ese motivo, a montaxe busca ofrecer a visión de que a diferenza, vivida con normalidade, pode chegar a ampliar a nosa forma de entender a vida.
'María Fumaça' poderase ver a partir das 18.00 horas no auditorio arousano e o prezo das entradas é de 3 euros para nenos e de 5 euros para adultos.