Igloo: "Estamos nunha dinámica diferente. Xa só queremos desfrutar, que é o mellor que pode facer un músico"
Un disco que mantén toda a personalidade da banda "pero cun toque de frescura". Así describe Beni Ferreiro o novo traballo musical de Igloo, Planes para días grises. Seis anos despois do seu anterior álbum, os de Caldas de Reis volven con once novos temas.
Coincidindo coa súa publicación, PontevedraViva reúne a tres deles, Beni Ferreiro (voz), Julián Rodríguez (baixo) e Alberto Torres (batería), para falar sobre un disco que "se non é o mellor, é un dos mellores que ten Igloo", aseguran. E, sen dúbida, o que fixeron con máis esmero.
Parte dese mérito, recoñecen sen dubidalo, é de Juanma Latorre, compositor de Vetusta Morla e, na actualidade, un dos produtores musicais con maior proxección. "Fíxonos abrir a mente. Sacou algo aínda máis bo do que estabamos a facer", subliña a banda.
Pasaron seis anos do anterior disco. Necesitabades ese parón?
Julián: Realmente foi forzado. Aínda que a pandemia estivo polo medio, a verdade é que a estas alturas xa non facemos discos por facer. Antes iamos máis rápido porque tiñamos a presión da discográfica. A estas alturas da vida impórtanos máis sacar bos discos e boas cancións. É mellor que as cousas repousen.
Sodes conscientes de que ides ao contraxeito?
Julián: Somos doutra xeración. Agora sacas unha canción e parece que á semana xa caduca. É unha carreira absurda. Se tes 20 anos, pódoo entender. Pero nós xa só apetécenos facer discos porque nos gusta, non porque vaiamos dar un pelotazo. Sacar un bo disco é o que importa. As boas cancións son as que quedan.
Volvedes cun disco, Planes para días grises, no que empezastes a traballar na pandemia. Iso marcou as súas cancións?
Beni: Como é natural, as letras das cancións nacen aí e ambiéntanse nese momento. Pero o disco é todo o contrario a gris. É o máis optimista de todos e iso que non empezou sendo así. Tiñamos a idea de facer algo máis escuro. Aínda que a parte musical pode levar un pouco cara aí, se escarbas nas letras ves que ten unha parte moi positiva.
É curioso como da pandemia, que nos parou en seco a vida a todos, saíron proxectos musicais moi interesantes. A vós axudouvos?
Beni: Creo que, no fondo, todos sacamos algo positivo. No noso caso significou poñer o xerme do novo disco e traballalo cunha pausa que os músicos agradecemos moito. Cando non podes parar, non gozas á hora de gravar no estudo. Nós estivemos a lle dar volta ás cancións dous anos e medio. Fomos coa idea de pasárnolo ben.
A vosa dinámica como grupo si cambiou nese proceso, non?
Alberto: Cambiou porque evidentemente non é o mesmo traballar cara á cara, sobre todo cando se trata de tocar e de preparar un tema. Non é o mesmo poder tocar as novas cancións entre os catro que ensaiala a distancia. Podes facelo igual, pero o proceso é máis complicado.
E que supuxo para vós que aparecese Juanma Latorre?
Julián: Pois traballar con el foi unha experiencia moi chula. Estabamos afeitos traballar sós. Iamos sempre aos poucos, un proceso moi mecánico. E esta vez conseguimos que fluíse un pouco máis, ir probando ideas. Fixemos moitos cambios no estudo.
Beni: Enriqueceunos moito. Fíxonos abrir a mente. Sacou algo aínda máis bo do que estabamos a facer. Unha visión exterior da túa propia música sempre é algo bo e máis se vén de alguén coa calidade compositiva que ten el. A pesar de ser quen é, é a persoa máis próxima que coñecemos. O seu traballo foi fundamental neste disco.
Dicides que este é o voso mellor disco ata a data. É unha frase promocional ou, de verdade, creedes que é así?
Alberto: É o máis traballado, sen dúbida. Sei que soa a cliché, pero si. Con diferenza. Traballamos unha chea nos momentos previos de composición. E a partir de aí, ata gravar todos os temas, tamén estivemos traballando ata o último momento.
Beni: Tecnicamente, sen dúbida. Todo ese traballo non o faciamos antes. A xente dirá se ve que o fixemos con máis mimo, pero nós dicimos claramente que o disco no que máis traballamos. Fomos saboreando cada tema. Era o que todos queríamos. Se non é o mellor disco, é un dos mellores que ten Igloo.
Pero os vosos seguidores recoñecerán o son ou se sorprenderán?
"Queriamos que non se perdese a nosa personalidade, pero darlle un toque de frescura e identidade. Que a xente vise algo máis actual"
Julián: É un disco moi heteroxéneo. Todas as cancións son moi diferentes entre si. Ningunha parécese á outra. Pero a esencia de Igloo está aí.
Beni: Queriamos que non se perdese a nosa personalidade, pero darlle un toque de frescura e identidade. Que a xente vise algo máis actual. Despois de 18 anos, ás veces caes no erro de ser demasiado automático. Juanma deulle a volta a todo. A súa visión externa axudounos moito.
E que esperades deste disco?
Beni: Nin aspiramos a moito nin nos poñemos un teito. Imos ir traballando na promoción e pechando datas. Se vai collendo forma e a xente reclama á banda, estaremos encantados. Temos os pés no chan. Levo dous discos dicindo que igual é o último, así que o que queremos é gozar tocando ata que acabe a xira. Logo, xa veremos.
Soa a despedida...
Beni: Non, non é iso. Pero estamos nunha dinámica diferente. Queremos gozar, que é o mellor que pode facer un músico. Xa nos ocorreu o de estar a pensar máis en números que en pasalo ben e non queremos repetir ese momento. Adaptarémonos ao que vaia xurdindo.
Xa tedes datas pechadas para presentar este Planes para días grises?
Julián: As dúas primeiras serán na Estrada (24 de marzo) e Vigo (31 de marzo). Estaremos nun festival moi preto de aquí, pero de momento non podemos dicilo. E concertos pechados tamén temos en Vilagarcía, O Grove e Madrid. Estamos a barallar máis cousas.
Pensades nunha xira longa?
Julián: Non creo. Antes subiámonos á furgoneta e tocabamos en todas partes. Agora preferimos dosificarnos máis. Non queremos dar concertos a destro e sinistro. O importante para nós é ofrecer concertos de calidade e gozar sobre o escenario.