RADIO.- 209 viñan falarnos da súa música... pero fóisenos das mans
Por Marisa Ciordia
Viñan falar de música, da súa música... do seu EP, ou o seu dobre sinxelo... e fóisenos das mans... ou da charla... porque acabaron contándonos e contándose outras moitísimas cousas. Foron totalmente honrados desde o principio ata o fin: "é difícil, se non imposible que nos salga unha entrevista seria". Jesús Fontanes e Marcial Outeda son dous boomers pontevedreses que agora fan heavy metal experimental, ou experimentan co heavy metal, ou é moi heavy o metal co que experimentan.
Xa se coñecían na súa primeira mocidade e tamén compartían banda, daquel momento punk quedaron no "faino ti mesmo" que agora aplican con 209, o nome do dúo. O pasado ano publicaron en plataformas dixitais o seu primeiro elepé 'Urco', nada que ver co rei do entroido desta cidade, por moita ilusión que lles fixese o pasado febreiro estar na fala da xente. Agora engaden a estes portais de streaming un EP, ou un dobre sinxelo: 'Érebos'. Si, moita mitoloxía de sombras, escuridade, sinistra: "somos satánicos.. só un pouco... as fins de semana, o resto somos xente de ben", "creas unha imaxe que a xente llo flipa por aí con iso da escuridade... o da adoración a Satán... xa non estamos para esas cousas", chancean.
Vanse dando a réplica para culpabilizarse (amigablemente) das súas achegas nas cancións que fan. "Non somos capaces de facer cancións estruturadas, sáennos cancións realmente raras, non porque as busquemos, senón porque as nosas cabezas van... raras". E unha vez listas, hai un "filtro de calidade" chamado Pablo. Por agora teñen perfectamente contabilizadas as súas ganancias económicas polas reproducións obtidas en Spotify; non así a identidade dos seus seguidores porque se lles escapan algúns: "temos rexistros desde Turquía e non temos familia nin amigos alí".
Fan heavy metal, experimental, xa quedou dito; pero poderían facer máis cousas, ata titular unha canción 'O coche non me pasa a itv', pero iso déixanllo mellor a Heredeiros da Crus. Aínda que retranca, non lles falta. O podcast 'Cara a cara' completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta ou escoitalo e descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.