A música e a muller centrarán un ano máis a nova edición de 'Mulleres e Inspiración'
Entre o 6 e o 31 de marzo terá lugar en Pontevedra a segunda edición do ciclo 'Mulleres e Inspiración', que contará con numerosos actos e actividades protagonizados por mulleres relevantes no mundo da música clásica.
Carme Fouces, concelleira de Cultura, e Judith Rey, presidenta da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, presentaron este xoves a iniciativa que, segundo a edil, "ten o obxectivo de diluír o marco de desigualdade entre homes e mulleres".
A programación comezará o 6 de marzo coa inauguración da exposición 'Mulleres Compositoras Galegas', situada no Paseo Antonio Odriorzola, na que se darán a coñecer numerosas autoras galegas. A edil asegurou que será o primeiro piar do ciclo que tratará sobre a visión histórica.
O 7 e o 8 de marzo alumnos dos ciclos de Infantil, Primaria e 1º e 2º da ESO poderán gozar de concertos didácticos organizados pola Orquestra Sinfónica de Pontevedra no Teatro Principal de Pontevedra. Haberá dúas sesións: a primeira terá lugar ás 10:30 e a segunda ás 12:00 horas.
O venres 10 de marzo proxectarase o documental 'Carne', de Camila Kater no Teatro Principal de Pontevedra. Judith Rey explicou que esta peza audiovisual trata sobre cinco historias reais de cinco mulleres e "emprega unha metáfora relacionada co estado de cociña da carne e as etapas cronolóxicas da muller". Ademais, explicou que é unha produción creada por mulleres entre as que destacan os nomes de Chelo Loureiro como produtora, que vén de gañar en 2022 o Goya a Mellor Curtametraxe con 'Valentina' e Sofía Oriana como compositora da música que forma parte de 'Carne'.
A presidenta da Orquestra Sinfónica adiantou que Oriana estará presente na proxección da curtametraxe e ofrecerá unha conferencia sobre o papel das mulleres nas súas especialidades.
O 11 de marzo celebraranse obradoiros sobre a música de cine no Salón de Actos do Pazo da Cultura. Esta actividade está orientada para os escolares con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos.
As sesións están programadas para as 11 e as 12 horas e terán unha duración aproximada de 50 minutos. A entrada será gratuíta e necesitarase previa inscrición a través da seguinte web.
Para concluír o ciclo, o domingo 12 de marzo a Orquestra Sinfónica de Pontevedra ofrecerá un concerto no Auditorio do Pazo da Cultura con "un programa moi emotivo", segundo Judith Rey.
Este acto comezará cunha obra de Carmen Rodríguez, unha nova compositora de Ribadeo. A continuación, escoitaranse dous movementos da sinfonía de Amy Beach, primeira compositora norteamericana en compoñer e interpretar unha sinfonía. Seguiranlle dúas obras de Julia Dopico que contará coa novidade de dedicar unha delas á bandurria, algo nunca visto nunha orquestra.
O concerto tamén contará coa participación de Sofía Oriana e será dirixido por Renata Oliveira.
A concelleira asegurou que "participarán máis de 1.600 rapaces". Fixo fincapé na importancia do día 8 de marzo e afirmou que "a música é unha forma de vida" e que "hai moi pouco espazo neste mundo e segue a estar ocupado maioritariamente por homes". Tamén recitou uns versos dun poema de Rosalía de Castro cos que quixo conmemorar á poeta e autora galega no seu día.