Moraña, punto de partida dun "Cómicas, habelas hainas!" que pechará a súa xira en Pontevedra e O Grove
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O Multiusos de Moraña será o lugar no que se estreará o espectáculo Cómicas, habelas hainas!, impulsado pola Deputación de Pontevedra e coordinado pola actriz Jazmín Abuín, para reivindicar a comedia en directo feita por mulleres.
A primeira oportunidade de velo será o 4 de marzo, ás oito da tarde. Alí actuarán as tres cómicas que estarán presentes nas dez citas por toda a provincia: Arantxa Treus, Marta Doviro e Bárbara Grandío, que será a presentadora do espectáculo.
A elas sumaranse, como invitadas, a cómica de orixe romanesa Bianca Kovacs e a madrileña Coria Castillo, que só estarán no paso deste espectáculo por Vigo e Pontevedra.
A da Boa Vila será a penúltima parada de Cómicas, habelas hainas!, o xoves 11 de maio, ás 21:00 horas, no Teatro Principal; antes de que a xira chegue á súa fin no auditorio municipal do Grove ao día seguinte, o venres 12 de maio, ás oito e media da tarde.
Os espectáculos terán algo máis dunha hora de duración, estarán conducidos en todos os casos por Bárbara Grandío, que tamén intercalará os seus monólogos, e contarán coa participación doutras tres cómicas que falarán das súas experiencias.