A Escola de Letras da Deputación inicia o 1 de marzo a súa cuarta edición
Por Redacción
Consolidada como referente galego e estatal e co aval internacional que supuxo a súa presentación na última edición da Feira do Libro de Frankfurt, a Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia inicia o vindeiro 1 de marzo a súa cuarta edición, que se prolongará ata outubro.
A presidenta provincial, Carmela Silva, a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso, o director da Escola, Francisco Castro e os docentes Antonio García Teijeiro e Esther Carrodeguas participaron hoxe na sede de Vigo na presentación do novo curso, que ofrecerá, ao igual que os anteriores, 6 obradoiros literarios cun total de 90 prazas. Mañá mércores 8, ás 8 da mañá, ábrese o prazo de inscrición para os dous primeiros talleres en Vigo e Pontevedra.
Carmela Silva subliñou “o éxito” e a transcendencia lograda pola Escola nas súas tres anteriores edicións, nas que entre os 18 obradoiros e as master class con autores e autoras da literatura galega, participaron preto de 500 persoas. Lembrou a excepcional acollida dos talleres sobre os distintos xéneros, con prazas esgotadas en horas e listas de agarda en todos eles.
A presidenta tamén puxo en valor que “este proxecto único e marabilloso” en Galicia e o Estado “trunfou” na última edición da Feira do Libro de Frankfurt, a de maior relevancia mundial:
Este feito foi tamén destacado polo director da Escola de Letras e de Galaxia, Francisco Castro, quen subliñou a atención prestada á presentación do proxecto provincial, “onde non só había xente de Galicia, senón doutros países, que tiñan curiosidade por este proxecto formativo. A Deputación e Galaxia queren internacionalizar a Escola de Letras e ímolo facer. Fixemos contactos co Instituto Cervantes e estamos convencidas e convencidos de que hai que levala polo mundo adiante”.
Castro, que agradeceu o apoio da institución provincial á iniciativa, chegou a sinalar que coa Escola “morremos de éxito, xa que non creo que haxa moitas actividades no conxunto do Estado onde se cubran tan rapidamente as prazas e teñamos que manexar unha lista de agarda de centos de persoas”. Destacou que o vindeiro 23 de abril presentarase o volume coa escolma de traballos do alumnado da terceira edición. Tamén o feito de que xa hai un libro publicado por unha das alumnas e outro que verá a luz neste 2023, “co que o obxectivo de facer canteira de escritoras e escritores se está a conseguir, e precisamente unha delas obtivo un importante premio literario”.
Esther Carrodeguas, unha das novas docentes, amosouse agradecida por entrar no claustro da Escola, “unha iniciativa incrible”, e explicou que o seu obradoiro vai concibir o xénero da dramaturxia “en pé de guerra”.
Os seis cursos celebraranse nas sedes da Deputación (tres no Pazo Provincial en Pontevedra e tres na sede de Vigo) entre marzo e outubro, con horario de 18.00 e as 20.00 horas. A inscrición para cada curso abrirase aproximadamente un mes antes da súa realización.
Relacionadas:
-
Nace en Pontevedra o Premio de Novela Histórica Dona Urraca, único en Galicia deste xénero
Por Alba Feijoo Alonso |
-
"Cultura cos pés na terra", está é a programación cultural para 2023 da Deputación
Por Redacción |
-
A Escola de Letras da Deputación e Galaxia preséntase na Feira do Libro de Frankfurt
Por Oskar Viéitez |