RADIO.- O xornalista deportivo Luís García-Rey debuta como escritor co absorbente thriller policíaco 'Axel'
Por Marisa Ciordia
'Axel' contén unha narrativa directa, explícita, sen andrómenas nin tiritas para escenas escabrosas, herdanza da faceta xornalística do seu autor, o vigués Luís García-Rey. Neste debut editorial consegue o obxectivo que di en PontevedraViva Radio perseguía con este libro: "captar a atención do lector desde a primeira páxina".
Escolleu dous escenarios que coñece ben, a súa cidade natal e a capital madrileña, onde leva xa a metade da súa vida. Emprazamentos escollidos por circunstancias e por convencemento, explícanos. Do mesmo xeito coñece ben o ámbito en que se movía a vítima inicial e moitos dos personaxes da novela: o xornalismo deportivo. García-Rey coloca aos lectores ante estrelas radiofónicas, xogadores, directivos e equipos de fútbol, que non son o alter ego de ninguén, tamén aclara.
Por suposto, xa que temos un thriller policíaco entre mans, desfila o mundo das forzas de seguridade cun protagonista principal, un policía con veciñanza viguesa chamado Axel Nash; e mafias, mafias dedicadas a diversas actividades ilícitas. Tramas persoais e profesionais que se entrecruzan e manteñen en albas ao público lector.
Estas semanas Luís García-Rey, de promoción de 'Axel', cambia o rol de entrevistador polo de entrevistado e comenta no 'Cara a cara' que sente agradecido coa resposta que está a recibir: "a crítica está a ser moi xenerosa e cariñosa" e iso resulta gratificante pertencendo a unha sección xornalística onde como di, enfróntanse a críticas feroces. O podcast completo se adxunta a esta información.