Río Verbena Fest, entre os finalistas ao mellor novo festival nos Iberian Festival Awards
![Alejandro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/dee/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/5624216432-20150128-patxot-alex-espino-002.jpg)
Por Alejandro Espiño
Haberá presenza pontevedresa nos Iberian Festival Awards, os premios aos mellores festivais de música de España e Portugal. Río Verbena Fest ou PortAmérica están entre os finalistas destes galardóns, que se entregarán o 11 de marzo na cidade lusa de Maia.
Así, o festival de música urbana Río Verbena Fest, que se celebrou por primeira vez en Pontevedra o pasado mes de setembro, está nomeado como mellor novo festival.
Competirá con Latitudes (Vigo), Boombastic Festival (Madrid), Cala Mijas (Málaga) e Salinas Sound Festival (Almería) ou os portugueses Douro & Porto Wine Festival, Festival Authentica, Festival Mais Solidário, Mexo Kalorama e Sónar Lisboa.
O festival PortAmérica, pola súa banda, opta a dous dos premios que se entregarán na sétima edición destes premios, toda unha referencia no sector.
Farao na categoría de actuación en directo de artistas de España e Portugal, polo concerto que ofreceu Xoel López na Azucreira de Portas; e na de contribución á sustentabilidade, polo seu esforzo e traballo de concienciación polo coidado da nosa contorna.
Dentro dos Rías Baixas Fests, tamén entrou o festival Sinsal Son Estrella Galicia, que se celebra cada ano na illa de San Simón (Redondela) e que recibiu seis nomeamentos.
Aspirará ao premio ao mellor recinto -pola propia illa- á mellor promoción turística, á mellor programación cultural, ao mellor anfitrión, á mellor contribución á igualdade e ao mellor uso da tecnoloxía polo seu sistema Casfid de radiofrecuencia e comunicacións.
O concerto que protagonizou Tanxugueiras no SonRías Baixas permitiu, por último, que este veterano festival de Bueu estea presente na gala final dos Iberian Festival Awards, competindo polo premio á mellor actuación en directo de artistas de España e Portugal.
O que non logrou coarse entre os finalistas foi o FERVE Estrella Galicia que, a pesar de estar entre as opcións que podía votar o público como mellor festival non musical, non foi un dos dez finalistas que poderán conseguir o premio.