Saen á venda obras de Laxeiro, dúas das cales estaban depositadas no Museo de Pontevedra
Por Redacción
A galería About Art de Pontevedra abre ao público, do 19 decembro ata o 25 de xaneiro, unha completa exposición de debuxo, pintura e edición de pezas de Laxeiro que forman parte de diferentes coleccións de arte privadas, dúas das cales estiveron ata o momento incluídas na colección do Museo de Pontevedra. Todas elas saen á venda.
Entre as obras que se expoñen, atópanse un grupo de retratos de diversos personaxes, como o retrato ao óleo de coleccionista arxentino Federico Vogelius, amigo do artista; Antonio Iglesias, pianista e musicólogo, pai da xornalista lucense María Antonia Iglesias ou Manuel Roldán, coñecido xornalista de S Coruña que dirixía o programa de radio Suma e segue, moi amigo de Laxeiro.
Debuxos, acuarelas, tintas, litografías, óleo e pastel son as técnicas que se poden atopar nesta interesante mostra do autor laliniense, que representan temas recurrentes na súa produción como os "Aforcados", un motivo que o autor utilizou repetidamente nos anos 60, as maternidades ou o Entroido de Lalín.
A exposición inclúe pezas que van desde o ano 1929, a máis afastada no tempo, un retrato ao carboncillo de Chicho Rivas Escudero, ata a máis recente, un debuxo a tinta de 1983. Tamén poderemos atopar curiosidades como un gaiteiro realizado a sanguina ou unha edición limitada impresa en París no ano 1954 na que Laxeiro, Colmeiro e Lobo ilustran poemas de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez, con textos de Domingo García Sabell, Ramón Otero Pedrayo e Ramón Cabanillas, respectivamente.
A exposición poderase visitar de martes a venres de 10.15 a 13.15 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 horas.