Memorium, unha exposición colectiva como 'aperitivo' do novo Espazo Nemonon
Por Alejandro Espiño
Sete novos artistas integran o novo proxecto expositivo que se poderá visitar durante os próximos catro días, ata o 21 de xaneiro, en Pontevedra. Trátase dunha mostra titulada Memorium, que reinterpreta a memoria a través da arte.
A mostra terá lugar no que se converterá no novo espazo cultural Nemonon, aínda sen restaurar, en pleno centro histórico. En concreto, na Rúa Real 3, nun local que ocupaba desde hai anos un establecemento dedicado á enmarcación.
Memorium estará aberta en horario de 18:00 horas a 21:00 horas e está impulsada polo colectivo artístico Alcatrán, formado por Paula Romero, Estela Regueiro e Ana Rodríguez.
Estas tres artistas, estudantes de último ano de Belas Artes na facultade de Pontevedra, iniciaron este proxecto de comisariado como exercicio final dunha materia, pero decidiron ir máis aló e montar un colectivo.
Apostan pola arte dunha forma diferente, fuxindo do academicista do museo e propondo una forma de exposición máis próxima que conecte con todo o mundo.
O seu primeiro proxecto é esta exposición, composta por unha selección de obras de sete novos artistas que reinterpretan o concepto da memoria, aposta pola diversidade e a inclusión.
Elio Salgueiro, Silvia Jiménez, Maruxa Alonso, Andrea San Miguel, Aroa Outón, Rebeca Lar y Carmen González son os artistas detrás das obras que conforman a exposición.
Diferentes soportes, desde pintura ata bordado, pasando pola fotografía, reflicten a diversidade de propostas e técnicas coas que se pode abordar un mesmo tema.
A mirada deste sete mozos ofrece un reflexo da sociedade actual e da loita entre o que somos e o que fomos, segundo as súas organizadoras.